Fóra de serie
Do 1 de marzo de 2007 ao 31 de marzo de 2007
En “Fóra de serie” completamos a retrospectiva sobre a obra de Joaquín Jordá, desafortunadamente concluída, coa estrea do seu derradeiro traballo Más allá del espejo, ao tempo que homenaxeamos a Daniéle Huillet, inesquecible compañeira sentimental e laboral de Jean-Marie Straub, falecida en datas recentes, co pase de Sicilia!. A actividade do mes inclúe a proxección de China Blue (2005), organizada co colectivo cívico Amarante, e a celebración do Día da Muller Traballadora (sesión co título “Vestidas de longo”) na tarde do día 10 cunha tripla proxección: os documentais Sisters in law e Los rubios (vid. ficha na sección “Cine-Ensaio”), acompañados de reportaxes do NO-DO de 1959, traballos referidos á condición da muller e localizados en diversas épocas e lugares. A presentación do DVD do excelente filme realizado con capital galego La casa de mi abuela e a investigación no urbanismo moderno A casa de Lola de Andrés (2006) engádense a esta sección, nesta ocasión acompañada dun bo número de presentacións e actos complementarios. Por outro lado, a primeira sesión do venres día 30 suspéndese pola celebración do curso pertencente a “Cero en Conducta” (26-30 de marzo, 16.00-20.00 horas) e impartido no CGAI pola distribuidora e produtora Mariel Guiot “Xestión e promoción de contidos audiovisuais”.
Agradecementos: Olaia Sendón, Alfonso Pato, Juan Creus, Fernanda Couñago, Amarante, Filmoteca Española, Albertina Carri, Adán Aliaga, IB Cinema, Ignacio Benedeti, Xosé Zapata, Pierre Grise Distribution (Francia).