FILM AS FILM. AS PELÍCULAS DE GREGORY J. MARKOPOULOS
Do 18 de febreiro de 2015 ao 20 de febreiro de 2015
En colaboración con: Revista Lumière, The Visible Press, CCCB (Barcelona), Filmoteca de Catalunya (Barcelona), La Casa Encendida (Madrid), MNCA Reina Sofía (Madrid).
“Este ciclo presenta unha antoloxía do traballo de Gregory J. Markopoulos (1928-1992), autor dunha das poéticas fílmicas máis subxectivas e alegóricas no cine experimental de posguerra. Con catro sesións [...], o ciclo é o resultado da colaboración dunha extensa rede internacional de centros de arte e filmotecas que, cadrando coa publicación dos escritos do cineasta, buscan revisar unha obra que xunta experimentación formal e mitoloxía individual.
Contemporáneo de Kenneth Anger, Stan Brakhage ou Maya Deren, Gregory J. Markopulos nace en Estados Unidos, fillo de emigrantes gregos. Esta sensibilidade e condición estranxeira fundamentan as súas incesantes viaxes a Europa desde os anos 50, onde contacta con Jean Cocteau e establece un sentido hermético e mais narcisista da tradición cultural. A partir de Psyche (1947), a súa primeira película en 16 milímetros, Markopoulos constrúe un espazo fílmico propio, artellado pola narración biográfica e a tradución e reinterpretación contemporánea de fontes mitolóxicas, literarias ou musicais. Este ciclo introduce as claves dunha poética sensual e excesiva, en que a identidade homosexual, o ritual iniciático e a alegoría orbitan arredor de complexas técnicas de edición e de superposición espontánea de imaxes.
Unha vez desenganado das posibilidades da vangarda de posguerra e escéptico respecto ao papel das institucións, público e circuítos do cine experimental, Markopoulos marcha definitivamente a Europa en 1967 e retira as súas películas de circulación, de modo que transforma a súa obra nun obxecto de culto inatinxible. Coa idea de que un cineasta debe ser responsable de todos os aspectos do seu traballo, concibe Temenos, un espazo de peregrinaxe e arquivo monográfico para a presentación, restauración e estudo dos seus filmes, situado en Arcadia, Grecia, o seu lugar de orixe. Eniaios é a culminación deste proxecto: 22 ciclos de 80 horas nos que remonta a súa obra, reemprazando o son polo ritmo mental producido pola velocidade das breves imaxes entre grandes intervalos negros ou brancos. Desde 2004, esta obra de arte total é proxectada ao aire libre cada catro anos e convértese así nunha celebración do cine. A de Markopoulos é unha vida ben documentada, en que non deixan de resoar as palabras que el mesmo citaba de Mircea Eliade: O home ao completo queda comprometido cando escoita os mitos e lendas; conscientemente ou non, a súa mensaxe é sempre descifrada e absorbida no final”.
Mark Webber
Agradecementos: Temenos, Robert Beavers, Mark Webber, The Visible Press, Revista Lumière, CCCB (Barcelona), Filmoteca de Catalunya (Barcelona), La Casa Encendida (Madrid), MNCA Reina Sofía (Madrid), Alfonso Crespo.