
Sesión 4: The Illiac Passion
Gregory J. Markopoulos, 1964-1967
91'. 16mm. Presentación Miguel Blanco.
THE ILLIAC PASSION
(Estados Unidos, 1964-1967)
Dirección e produción: Gregory J. Markopoulos. Duración: 91 minutos.
De neno, os seus pais agasallárono cunha cámara. De adolescente, nun caderno azul (50 x 50 cms) con letras douradas dactilografou un primeiro guión, en que Prometeu agrilloado se mesturaba con certo ton surrealista provocado polas súas viaxes a California. Vinte anos despois, Markopoulos acumulara cinco volumes de notas, conservando da obra de Esquilo só a Io, quen se transformou en porcelana, Poseidón, interpretado por un Warhol submarinista que pedalea nunha bicicleta estática e Prometeo, a quen tenta tocar, recostado espido. Os mitos de Narciso-Ícaro-Dédalo-Apolo-Venus-Adonis-Orfeo-Zeus, puntos de partida eróticos para divagar pola emoción duns actores á súa imaxe modelados –Jack Smith, Taylor Mead, Gerard Malanga ou Paul Swan, sonados membros da escena neoiorquina– forman un tecido de escenas deslocalizadas arredor de Central Park; agrilloados, liberados en diferentes versións, transformados en moléculas, estes corpos, signos do desexo ou binomios opostos (Demo/Musa) riman coa musicalidade das lentes elixidas ou a lectura pausada de Markopoulos da tradución de Thoreau. A imposibilidade de realizar unha copia da primeira versión de tres horas –remontada en menos de dous días– é unha das renuncias que acabaron coa marcha de Markopoulos a Europa.