Sesión 1: Psyche / Lysys / Charmides
Gregory J. Markopoulos, 1947-1948
60'. 16mm. Presentación por Miguel Blanco.
Sesión 1:
PSYCHE / LYSIS / CHARMIDES
(Estados Unidos, 1947/1948/1948)
Dirección e produción: Gregory J. Markopoulos. Duración: 60 minutos.
Na súa primeira película en 16 mm, Markopoulos inspirouse na novela inacabada de Pierre Louÿs, Psyche, que comeza e remata cunha porta abríndose e pechándose («éntrase coma un cativo e sáese coma un home»). Un encontro inaudible, unha carta ilexible, mergullan a espectadora nas asociacións inconscientes (os cambios de cor da pantalla e de Psyche reflicten o seu verdadeiro carácter), os estados psicosexuais (narcisismo e homosexualidade), os símbolos eróticos e o cine-transo (somnambulismo, soño, hipnose). Montada só cunha lupa, fita adhesiva e unha folla de afeitar, a columna vertebral destes filmes é o amor polos lugares (Hollywood Hills) e as persoas (os actores foron escollidos pola súa aparencia e xestos). Pola súa banda, Lysis e Charmides baséanse en diálogos de Platón sobre a amizade e a temperanza. Rodadas en Ohio, ambas afirman as posibilidades do mito na modernidade e celebran unha nova montaxe: Lysis está enteiramente rodada en secuencias sen apenas montaxe ou descartes, en canto Charmides supón para o cineasta a consistencia do cine como cine.