Sesión 2: Bliss / Gammelon
Gregory J. Markopoulos, 1967-1968
60'. 16mm. Presentación por Miguel Blanco.
Sesión 2:
BLISS / GAMMELON
(Grecia, 1967/1968)
Dirección e produción: Gregory J. Markopoulos. Duración: 60 minutos.
En xuño de 1967, Markopoulos visita a capela de San Xoán Bautista, en Hidra. Tres meses despois, volta por segunda vez ao Castello di Roccasinibalda, co que se obsesionara nunha viaxe anterior a Italia. Bliss e Gammelion xorden de dous lugares abafantes e de varias limitacións: temporais (1 ou 2 días de rodaxe), materiais (só dúas bobinas de Ektachrome en cada caso), luminosas (só luz natural). En Bliss, escolle unha primeira composición (a porta da igrexa) sobre a que filma as superposicións posteriores, cortando-montando como se a cámara fora un cicel. En Gammelion, como cos frescos ou a cúpula en Bliss, percorre habitacións, corredores, murallas e xardíns. Cando a luz vai rematar o primeiro día, filma os últimos planos a 12 fps (frames por segundo) empregando lentes maiores. Markopoulos non rodará o seu primeiro guión, inspirado en Au château d’Argol, xa que se Julien Gracq negou a autorizalo por considerar a proposta demasiado esotérica. Tampouco poderá recorrer ao single frame por un problema co dispositivo da súa cámara. Filmando o castelo ao completo en segmentos de menos de 30 cm, no seu segundo día percorre algúns dos mesmos lugares realizando novas tomas coa luz da mañá. No momento de montar a película, opta por transformar estes cinco minutos rodados nunha película dunha hora e emprega intersticios sistemáticos de cola branca opaca (fundidos de saída) e negra (fundidos de entrada) e unha banda sonora con música de Roussel e versos de Rilke. A primeira imaxe, un fotograma branco que se converte devagariño no ceo azul, amosa que «un segundo equivale a un millón de fotogramas».