Esenciais: Ida Lupino
Do 6 de outubro de 2020 ao 15 de outubro de 2020
Máis coñecida como actriz, Ida Lupino (1918-1995) tivo también unha breve mais intensa carreira como directora, a única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 (e a segunda, despois de Dorothy Arzner, en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA). A súa popularidade como actriz está ligada a dúas películas que filma de forma consecutiva para Raoul Walsh formando parella con Humphrey Bogart, Pasión ciega (They Drive by Night, 1940) e El último refugio (High Sierra, 1941). Con fama de problemática por ser moi selectiva na escolla dos seus traballos, Lupino desenvolveu unha carreira de gran personalidade con directores como Michael Curtiz, Nicholas Ray, Don Siegel, Robert Aldrich, Fritz Lang ou Sam Peckinpah, antes de se centrar na televisión. Proba desta singularidade é o seu salto á produción e logo á dirección. A produtora que forma co seu marido hase chamar inequivocamente The Filmakers (cun só m). Esa pasaxe á dirección é accidental, cando enferma Elmer Clifton, o director dunha das súas producións, Not Wanted (1949) e ela ten que se pór atrás da cámara, malia non aparecer como tal nos créditos. Mais a temática social desta película, coescrita tamén por Lupino, definirá o xénero onde se encadran as súas posteriores realizacións, de marcado carácter psicolóxico: Never Fear (1950), Outrage (1950) ou a máis popular, El bígamo (The Bigamist, 1953). Porén, o seu filme máis coñecido será El autoestopista (The Hitch-hiker, 1953), unha mostra de cine negro protagonizada por Edmond O’Brien, un xénero deica ese momento vedado ás mulleres. A partir desa altura, aínda que dirixirá algunha que outra ocasional longametraxe, a súa carreira hase centrar na televisión, medio para o que realizará diferentes episodios de series tan afamadas como Alfred Hitchcock presenta, Los intocables, El fugitivo ou The Twilight Zone. Este pequeno ciclo que lle dedica o CGAI-Filmoteca de Galicia céntrase no seu traballo como directora coas películas Not Wanted, Never Fear, El bígamo e El autoestopista, ademais de La casa de las sombras (On Dangerous Ground, 1951), película que coprotagonizou xunto a Robert Ryan para Nicholas Ray, a quen ademais substituíu como directora cando el enfermou. Como era costume en Hollywood, este tipo de reemprazos nunca están acreditados.