Esenciais: Carlos Saura
Do 10 de setembro de 2019 ao 14 de setembro de 2019
“Irmán do pintor Antonio Saura, comeza a estudar enxeñería antes de se converter en fotógrafo profesional e de ingresar no IIEC, onde, en 1957, se diploma en dirección coa práctica La tarde del domingo. Nese mesmo ano filma Cuenca, unha curtametraxe en cor en que, seguindo o precedente buñueliano de Las Hurdes, tenta trascender os límites do cine documental e, en 1959, con produción de Films 59 (a empresa de Pere Portabella), debuta como director con Los golfos, un retrato críptico e realista da mocidade marxinal da época, que, coa súa frescura, a súa vontade experimental e a súa ausencia de moralismos e de sentimentalismos, se sitúa como peza de engarzamento entre o rexeneracionismo de raíz neorrealista e o Novo Cine Español. Tras a súa seguinte longametraxe —Llanto por un bandido (1963)—, comeza unha longa colaboración co produtor Elías Querejeta, cuxo primeiro froito é La caza (1965), unha sorte de alegoría e de parábola política sobre a guerra civil española, que, coa súa vontade metafórica, sinala outro dos camiños polos que transitará o cine español dos anos vindeiros. (…) A partir de aquí a súa filmografía intérnase polos territorios do subxectivismo, da memoria e da representación simbólica para ofrecer, dentro dos canles do cine metafórico da transición política, o mellor da súa obra con títulos coma El jardín de las delicias (1970), La prima Angélica (1973), Cría cuervos (1975) ou Elisa, vida mía (1976), que obteñen un importante recoñecemento internacional. O desenvolvemento posterior da súa filmografía seguiu un camiño máis diversificado, sen encontrar, entre as diferentes propostas bosquexadas desde daquela, un discurso tan persoal coma o desenvolvido na súa primeira etapa.” (Antonio Santamarina)
“(…) Se alguén dixese que son discípulo de Buñuel diríalle que é imposible porque ninguén pode selo. Si é verdade que había mundos moi coincidentes e tivemos longuísimas conversas sobre moitos temas. Poida que houbese algunha influencia, seguro que si. A influencia que de xeito claro si estaba [en Los golfos] era a do cine americano e, máis concretamente, do cine negro. (…) Llanto por un bandido puido ser unha película preciosa. Estaba concibida como unha película grande de aventuras e de bandolerismo. Xurei que endexamais faría unha película sen os medios necesarios e non a volvín facer. A min enganoume Dibildos [o produtor], porque me prometera moitos medios, mais como coincidiu coa rodaxe de El tulipán negro, todo o que tiñamos preparado levouno para aló. O que debín facer en Llanto… era parar a película, mais era a miña segunda experiencia no cine… De todas formas, hai películas miñas, como La caza o Deprisa, deprisa, que son produto dun momento de violencia, de carraxe persoal… (…) Alfredo Mayo estaba entusiasmado co guión e quería que fixeramos La caza custase o que custase. Levoume a varias produtoras e non había maneira. Consideraban que non era un guión, que non había historia, que non lle ía interesar á xente… e apareceu Elías, ao que eu vira en UNINCI e que formaba parte dese grupo de novos valores. É a única película que producín na miña vida, e fíxena ao cincuenta por cento con Elías. El conseguiu un millón de pesetas e eu outro, e con iso fixemos La caza. (…) Quería facer un filme cos mínimos elementos posibles, con catro actores e uns coellos. Decidín facer unha película de cámara e controlalo todo na rodaxe. É unha marabilla poder traballar así. E, ademais, rodar por rigorosa orde de guión. Todas as miñas películas a partir de La caza seguen ese esquema, porén con algunha variación. Se é posible, comezamos polo principio, reservamos o final da historia para o final da rodaxe e, entrementres, ves como medra a historia e como medran os personaxes. (…) Escribín o guión con Angelino Fons. Cando Buñuel viu a película, que lle gustou moito, e ata dixo que a quixera facer el, pediume que lle mandase o guión. Cando o leu, díxome que iso non era un guión, e era verdade, porque só había catro personaxes falando e cazando. Interesábame moito non só a realidade deses tipos, senón tamén o que pensaban. Se cadra era bastante novidoso inserir o que pensaban e o que soñaban. Nese sentido, estaba moi preto de Buñuel, en xogar cos tempos, cos espazos, en como interfiren o soño ou a imaxinación. A excepción de Los golfos, sempre traballei sobre isto porque sempre me interesou ese terreo.” (Declaracións de Carlos Saura a Concha Gómez)
Textos tirados de Carlos F. Heredero e José Enrique Monterde (eds.), Los “nuevos cines” en España. Ilusiones y desencantos de los años sesenta. Institut Valencià de Cinematografia Ricardo Muñoz Suay, Festival Internacional de Cine de Gijón, CGAI-Filmoteca de Galicia, Filmoteca de Andalucía, Filmoteca Española, 2003.
Agradecementos: Filmoteca Española, Dibildos Films, Vídeo Mercury.