
Escuela de cineastas. O lugar das prácticas do IIEC-EOC na Historia do cinema español.
Do 15 de novembro de 2024 ao 19 de novembro de 2024
A partir dunha investigación realizada co apoio dunha das primeiras Axudas á investigación sobre cinema español concedidas pola Academia de Cinema, o libro Escuela de cineastas. Las primeras prácticas de los grandes directores del cine español (Cátedra/Filmoteca Española, 2024), de Asier Aranzubia e José Luis Castro de Paz, indaga con rigor nos traballos realizados polos alumnos durante os seus estudos na escola de cinema de Madrid. Entre 1947 e 1976 ródanse tanto en exteriores como nas instalacións do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC), primeiro, e na Escuela Oficial de Cinematografía, máis tarde, centenares de curtametraxes e mediometraxes que levan a sinatura dos que pouco tempo despois, cando abandonen as aulas, se han encargar de poñer en pé algunhas das filmografías máis suxestivas da Historia do cinema español.
Ao non estaren (agás excepcións) suxeitas ás institucións censoras do franquismo, as prácticas que Luis García Berlanga, Juan Antonio Bardem, Carlos Saura, Manuel Summers, Basilio Martín Patino, Francisco Regueiro, Mario Camus, Víctor Erice, Cecilia Bartolomé, Josefina Molina ou Manuel Gutiérrez Aragón (por poñer varios exemplos) rodan no IIEC-EOC, matizan, e por tanto arrequentan a imaxe do país e das súas xentes que se desprendía do cinema comercial da época. O volume Escuela de cineastas analiza polo miúdo as prácticas máis relevantes e, sobre todo, tenta determinar en que medida estes traballos de formación modifican ou completan a idea que tiñamos ata o de agora do cinema español do período.
Os dous programas que compoñen o ciclo ofrecen mostras destacadas do interese extraordinario dalgunhas destas pezas, como, entre outras, a temperá, poética e vangardista Cántico (Agustín Navarro, 1950), influenciada polo formalismo excelso do profesor de dirección Carlos Serrano de Osma ou La tarde del domingo (1957) de Carlos Saura, que entrecruza as ensinanzas do propio Serrano coas de Juan Antonio Bardem e o Neorrealismo Italiano para acadar unha altura fílmica que axuda a comprender a moderna, inmediata e xa profesional Los golfos (1959).
José Luis Castro de Paz

PRESENTACIÓN 'ESCUELA DE CINEASTAS'

La tarde del domingo

Sor Angelina, Virgen

En el río

Tarde de domingo

El viejecito
