BUSTER KEATON
Do 16 de setembro de 2014 ao 31 de outubro de 2014
Instalado no imaxinario colectivo nun tempo moi concreto, a lendaria figura de Buster Keaton (1895-1966), efectivamente, si parece ter un antes e un despois. O lanzamento de novas copias en alta definición dixital 2K permite revisar o período máis frutífero da traxectoria profesional deste creador estadounidense, aquelas comedias protagonizadas e elaboradas en boa medida por el durante a década dos anos 20. En plena efervescencia de cómicos, Keaton, aquel fillo de actores de variedades, acróbata e de saberes circenses, sobresae co seu estilo propio, único, distinto por exemplo dos de Charles Chaplin, Harold Lloyd, Stan Laurel e Oliver Hardy ou Harry Langdon. O home impasible, os gags trazados a través de certa lóxica, a lírica do sinxelo e do próximo e mais a fuxida de todo sentimentalismo establecen unha afortunada confluencia que provoca a avalancha de títulos maxistrais: Las tres edades, La ley de la hospitalidad ou El maquinista de la general.
Logo, problemas persoais, unha profunda crise en 1933, e os cambios traumáticos no cine despois da chegada do sonoro, darían lugar a unha carreira de sobrevivente, que pasaría inmediatamente polas curtas de dúas bobinas ou os gags escritos para os irmáns Marx ou Red Skelton. Sen recuperar o éxito, despois dos pequenos papeis acontecería a redención ao teatro e a revitalización grazas á televisión. Estas circunstancias habíanlle permitir uns últimos anos cheos de dignidade e un certo e progresivo recoñecemento: un biopic feito en Hollywood en 1957; o Oscar especial concedido en 1960; as retrospectivas na Cinémathèque francesa en 1962 e ao ano seguinte na Mostra de Venecia ou o protagonismo dramático na curtametraxe do escritor Samuel Beckett Film (1965).