Angela Schanelec
Do 21 de outubro de 2020 ao 18 de novembro de 2020
Coincidindo coa estrea en España da súa última película, Estaba en casa, pero…, premio á mellor dirección no Festival de Berlín 2019, o CGAI-Filmoteca de Galicia dedica unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec (Aalen, 1962), unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín (Christian Petzold, Ulrich Köhler, Maren Ade, Thomas Arslan, Valeska Grisebach, etc). Dela dicía Elena Duque no dicionario 50 directoras del siglo XXI publicado por Caimán Cuadernos de Cine no número 60, “os seus encadres medidos, case abstractos, afastan o foco do fluxo narrativo a prol do emocional. A través do espazo, da luz, dos movementos e das accións (resoan Bresson e Akerman) saca a relucir esa loita por entenderse a si mesmos e expresarse duns personaxes (case sempre mulleres) que buscan reconciliar o que desexan co que lles sucede.” Mentres, co gallo da retrospectiva que lle dedicou Tabakalera San Sebastián, o seu cine era descrito deste xeito: “A palabra "radical" vén do latín radicalis e significa "relativo á raíz". Angela Schanelec é unha directora radical. Unha directora que busca e explora na orixe da linguaxe cinematográfica as ferramentas para un novo cine. Trátase de subverter certos códigos establecidos. Trátase de formular a posibilidade real de facer un cine de ficción único baseado nos seus elementos máis básicos: observación aberta, estruturas non hexemónicas, a importancia da secuencia-espazo, narrativas arredadas do causal e cronolóxico, e unha busca de momentos visualmente arrebatadores na metade do cotián: un baño nun río, unha conversa nun parque, un paseo nocturno, unha man pousándose sobre outra man no escenario dun clareiro do bosque ou un encontro inesperado de dous vellos amigos moitos anos despois nas rúas dunha cidade de Europa.” Benvidos ao cine fondamente emocional de Angela Schanelec.
Agradecementos: Tabakalera San Sebastián; Eva Sangiorgi, Ficunam; La Casa Encendida; Films Boutique, Filmgalerie 451, Deutsche Kinemathek.