Alain Robbe-Grillet
Do 1 de novembro de 2009 ao 30 de novembro de 2009
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Figura clave na renovación literaria de mediados do século XX, Alain Robbe-Grillet (Brest, 1922-Caen, 2008), xunto a outros autores franceses (Marguerite Duras, Nathalie Sarraute, Michel Butor), convulsiona o panorama cultural dos anos 50 propoñendo novos e singulares modos dentro do discurso ficcional, unha sorte de estilo como auténtico significado da obra encadrado nunha corrente, denominada Nouveau Roman, que prefigura moitos dos achados modernos.
Enxeñeiro agrónomo de formación, polivalente activista cultural (editor, conselleiro de Les Éditions de Minuit, teórico), Robbe-Grillet estréase na metaficción e o esquecemento da narración literaria tradicional coa (anti)novela Las gomas (1953), inicio dunha frutífera traxectoria como escritor formada por preto de vinte novelas e 3 ensaios, un deles (Por una nueva novela, 1963) auténtico referente estético e artístico, moi capaz de verter as súas notables influencias mesmo no gran Gilles Deleuze. Guionista para Alain Resnais nun título rupturista da transcendencia d´El año pasado en Marienbad (1961), comeza a dirixir ao ano seguinte con L´immortelle. Dirixe oito títulos máis–o derradeiro, Gradiva, en 2006-, dos que o CGAI, en colaboración coa Alianza Francesa da Coruña, proxecta cinco.
Lonxe de toda lóxica causal, a literatura e o cine de Robbe-Grillet mesturan tempos, compoñen descricións exhaustivas, reducen e repiten peripecias, despóxanse de escusas argumentais, interiorizan perspectivas, asumen unha asincronía consciente entre o visual e o sonoro, sempre en combate ou en xogo co atractivo devir das estratexias discursivas e enunciativas. Nos anos 70, todo o indicible e inexplicable da súa produción vese envolto nun crescendo de violencia e erotismo que non deixan de amosar a curiosa e persoal amálgama de intereses dun artista erudito e explorador falecido o ano pasado.

L´IMMORTELLE

TRANS EUROPE EXPRESS

L´HOMME QUI MENT

L´EDEN ET APRÈS
