
Programa 3: ...in time&sound /...en tempo e son
Jem Cohen
120´. Vídeo. Subtítulos en galego
GLUEMAN
(Estados Unidos, 1989)
Dirección, produción e fotografía: Jem Cohen. Duración: 5 minutos.
“Ás veces, un mira pola ventá e ve algo forte e perturbador. Ás veces un ten a cámara na man. Glueman é un proxecto realizado coa banda Fugazi a partir dunhas imaxes que filmara desde o meu piso de Brooklyn. Cando lles amosei aos membros do grupo as imaxes sen editar, responderon con música. Logo eu escribín unhas palabras, Guy Picciotto fixo o propio, e a canción homónima acabou no primiero álbum da banda. Para a película volvemos ás pistas da canción e armamos unha nova banda sonora. Así, neste proxecto, a música e o cine estiveron unidos desde o principio; foi unha deconstrución compartida” (Jem Cohen).
INSTRUMENT
(Estados Unidos-Italia, 2004)
Dirección e fotografía: Jem Cohen. Duración: 115 minutos.
Resultado dunha ampla colaboración con Fugazi, realizada entre 1987 e 1997, como explica Cohen: «Non nos interesaba crear unha cronoloxía da historia da banda nin un produto promocional. O que queriamos era darlle unha estética de son en cru, facendo unha película na que os concertos en tempo real, as colaxes abstractas en Súper 8 e os materiais de arquivo colisionasen e se conxugasen de tal forma que representasen fielmente a experiencia musical. Manténdose á marxe da industria musical, Fugazi é fiel a unha política de prezos baixos para as entradas e os discos, concertos para todas as idades e actuacións na súa cidade, Washington. Ás veces máis coñecidos pola súa militancia política que pola súa música, a película intentaba revelar que non pode haber separación entre a súa maneira de traballar e a propia música».