Patrimonio nacional
Luis G. Berlanga, 1980
112'.
PATRIMONIO NACIONAL
(España, 1980)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga e Rafael Azcona. Produción: IN-CINE e Jet Films. Fotografía: Carlos Suárez. Intérpretes: Luis Escobar, José Luis López Vázquez, Luis Ciges. Duración: 112 minutos.
Ao rematar a ditadura franquista, o marqués de Leguineche regresa ao seu pazo en Madrid. Logo de trinta anos de exilio voluntario na finca Los Tejadillos, ten o propósito de achegarse ao rei e poder proseguir co boato e a vida cortesá de antes. Pero as tentativas por chegar á Casa Real non serán tan sinxelas...O arrasador triunfo de La escopeta nacional leva ao produtor Alfredo Matas a insistir coa continuidade da saga. Sainete, humor negro e proveito da tradición picaresca na película máis brillante da triloxía, posuidora dalgúns dos planos-secuencia máis elaborados que alguén poida ver, un adaptado e coral reparto –que inclúe excelentes prestacións de xentes tan heteroxéneas como Mary Santpere, José Luis de Vilallonga, Pepe Ruiz Lifante ou Jaime Chávarri- e un popurrí convenientemente organizado de referencias históricas, da morte de Franco á restauración da monarquía pasando pola concesión a España da celebración do Mundial de fútbol de 1982. Sección Oficial en Cannes 1981, película española enviada aos Óscars.