
Otoño tardío
Akibiyori / 秋日和
Setsuko Hara, Yôko Tsukasa, Mariko Okada, Keiji Sada
- 119 min.
Mamiya, Hirayama e Taguchi reúnense para celebrar o sétimo aniversario da morte dun antigo compañeiro da universidade, Miwa. A súa viúva, Akiko, e a filla de 24 anos, Ayako, tamén están presentes. Durante a celebración, os tres amigos conclúen que chegou o momento de que Akiko case outra vez e deciden buscar algún pretendente idóneo para ela. Mais primeiro deben conseguir que case Ayako, que non está disposta a deixar soa a nai.
- Ano:1960
- Países de produción: Xapón
- Guión: Kôgo Noda, Yasujirô Ozu (Novela: Tom Satomi)
- Fotografía: Yûharu Atsuta
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
Otoño tardío
Yoshida Kiju
Ozu-san divertíase facendo películas sobre o envellecemento cando aínda era novo. Porén, el mesmo acabou por envellecer. Este feito quedou claro por primeira vez cando Ozu-san rodou Otoño tardío (Akibiyori) en 1960. Este filmes tamén entra dentro do círculo dos seus remakes. Repite e imita Primavera tardía, mais ao tempo rearticúlaa de maneira xoguetona e sarcástica. (...)
Cando a nai e a filla falan da vez que visitaron o lago co seu marido/pai, e cando miran a ese lago tan cheo de recordos, é probable que os espectadores fiquen asombrados e confusos polo xeito incriblemente extraordinario en que Ozu-san monta a escena. Cando miran o lago dende a mesma fiestra do restaurante, a filla mira á súa dereita. Na seguinte toma, a nai mira á súa esquerda. Aínda que están mirando a mesma paisaxe, vólvense en direccións exactamente opostas. Chegados aquí, os espectadores xa non poden distinguir se o lago está situado á dereita ou á esquerda. É probable que se sintan confusos e incómodos. (...) Este caso é un exemplo do motivo polo que Ozu-san consideraba caóticas as representacións no cinema. Odiaba os espectadores que insistían nos seus puntos de vista egoístas. Advertía de que as expresións cinematográficas eran estritamente artificiais, e non deixaba de xogar con elas. Neste sentido, os filmes de Ozu-san poden considerarse espellos insólitos nos que os espectadores nunca se ven reflictidos. (…)
Probablemente, Ozu-san mellorou o seu método de expresar o envellecemento en Otoño tardío, un método que consiste en mirar ao que envellece a través da mirada propia. Se todos os incidentes do mundo son repeticións e só lixeiramente diferentes, a única acción non repetitiva posible é a morte humana. Neste sentido, a mirada dende o outro lado en Cuentos de Tokio non é máis que unha ficción pracenteira que permite o soño feliz de envellecer. Ozu-san perdeu esa visión optimista cando el mesmo se fixo vello.
Yoshida Kiju
en Ozu’s Anti-Cinema, Ann Arbor, MI: MPublishing, University of Michigan Library
2003. (tradución propia do inglés)