Ornamental Hairpin
Kanzashi / 簪
Kinuyo Tanaka, Hiroko Kawasaki, Tatsuo Saitō, Chishū Ryū, Shinichi Himori, Hideko Mimura
- 68 min.
Emi e a súa amiga Okiku deciden facer unha breve parada nuns baños termais durante unha viaxe en grupo polas montañas de Yamanashi. Ao día seguinte, cando ambas se foron, Nanmura, un mozo exsoldado recuperándose nos baños termais, faise dano ao pisar unha pinza de pelo dunha muller. Un accidente que lle parece moi romántico. Traballando sobre unha novela de Ibuse Masuji, Shimizu volve mostrar un complexo de augas termais como un lugar de evasión, case utópico, axudando a que esta obra teña un ton relaxado. Á vez, Ornamental Hairpin é unha moi coidada produción cinematográfica exemplo da parte máis luminosa do cinema xaponés durante a guerra.
Foto ©1941 Shochiku Co., Ltd
- Ano:1941
- Países de produción: Xapón
- Guión: Hiroshi Shimizu
- Fotografía: Suketarô Inokai
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
Atravesado pola poesía
David Bordwell (na súa web)
Dúas mulleres, Okiku e Emi, pasan por unha pousada e, despois de marchar, a pinza de Emi pica o pé dun novo soldado. Este pasará o resto da historia recuperando a súa capacidade para camiñar. Emi regresa á pousada e únese aos hóspedes estivais: un profesor rosmón, un avó e os seus dous molestos netos, e unha parella casada.
«Atravesado pola poesía», di Nanmura con indiferenza sobre a súa ferida, pero o profesor extrapola a frase e tenta tecer unha trama romántica a partir do accidente. Shimizu négase a compartir a fantasía. Un pouco como en Las vacaciones del señor Hulot, de Tati, a película está entretecida con rutinas vacacionais mundanas que se converten en gags recorrentes, superando o que esperamos que se converta nun cortexo.
Bronceándose ao sol e axudando a Nanmura a recuperar a súa capacidade para camiñar, Emi chega a crer que atopou a felicidade. Fuxiu de Toquio e quere empezar de cero. Pero o seu pasado, ben sexa como esposa ou como amante, mantense na vaguidade. En dúas escenas notables, unha conversa telefónica e outro diálogo con Okiku, esbózase a súa situación. Empezamos a temer que o seu home mesmo vaia buscala.
Pero estes fragmentos de trama convencional esvaécense entre prolongadas escenas de chismes no balneario e pasatempos preguiceiros. As secuencias máis cheas de suspense dedícanse á recuperación gradual de Nanmura, unha especie de data límite, xa que cando volva camiñar, marcharé. Se algunha vez un clímax se negou a chegar, é durante os últimos dez minutos de Ornamental Hairpin. Os momentos de patetismo ou conflito que normalmente veriamos omítense, e a contorna das escenas «menores» imprégnase de pesar.
Tradución propia do inglés.