![La tragedia de Xirobio](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/xirobio_1.jpg?itok=8taBm9uT)
La tragedia de Xirobio
Julio Rúa, José Signo.
- 44 min.
Adaptación libre dunha das narracións do libro Cousas, de Alfonso R. Castelao, a que comeza “Xa van alá moitos anos…”, La tragedia de Xirobio é a primeira longametraxe de ficción de produción galega. Foi dirixida polo periodista José Signo Garcés e rodada integramente en Vigo en 1930. Promovida por Vicus Films, a súa estrea estaba prevista para 1931, pero esta non se levou finalmente a cabo.
Dividida en cinco partes, a película está ambientada en Vigo no Entroido de 1930, cando o boticario Xirobio recibe a visita do seu amigo Moreno, compañeiro de andanzas nocturnas do protagonista coa proposta dunha “bacanal carnavalesca”.
Filme restaurado en 2002 polo CGAI e Filmoteca Española a partir dos materiais recuperados por Filmoteca Española. Dixitalizado en 4K en 2023.
-
Materiais para unha historia do cine en Galicia
Tintorería España
La tragedia de Xirobio
Versión lingüística:MudaFormato:DCPEntrada de balde
-
-
-
-
Cineclube Padre Feijoo
Un viaje por Galicia
La tragedia de Xirobio
Versión lingüística:VOFormato:HD -
- Ano:1930
- Países de produción: España
- Guión: José Signo, Alfonso R. Castelao (argumento)
- Produtora(s): Vicus Films
Comentario do filme
Xosé Nogueira (en 'Diccionario do cine en Galicia (1896-2000)', CGAI, 2002)
Realizada polo xornalista José Signo ó longo de 1930, La tragedia de Xirobio constitúe nin máis nin menos que a primeira tentativa de realizar unha longametraxe de ficción propiamente galega (eido — o ficcional— no que soamente contabamos cun precedente lonxe no tempo: a curtametraxe Miss Ledya, dirixida en 1916 por José Gil). A iniciativa correu a cargo dunha productora de recente creación -concretamente, presentárase no verán de 1929—, a Vicus Films, que viña de poñer en circulación o seu propio noticieiro, concibido como alternativa ós que se estaban a facturar desde a Galicia Cinegráfica do mentado Gil e destinado non só ó mercado local, senón á distribución por tódalas «Embajadas y Consulados de Europa y América» (...), segundo anunciaban os seus responsables na declaración de intencións que realizaron ó xornal Faro de Vigo (10-7-1929). Mais nesa primeira nova xornalística verbo das intencións da nova firma atopamos que, alén da producción dese noticieiro, o gran obxectivo a desenvolver era a producción de películas «con argumento y actores vigueses» nas que aspiraban a segui-las pautas da cinematografía rusa, con repartos extraídos dos ambientes nos que se situase a acción.
Uns principios programáticos inusitadamente modernos (...) que tentarán de poñer en práctica en La tragedia de Xirobio. Unha tentativa que, advirtámolo xa, habería se-la única neste sentido, xa que logo o restante material producido pola Vicus na súa breve andaina — non pasou máis alá dun par de anos — inseriuse no ámbito máis habitual da reportaxe.
O filme baséase nunha das corenta e catro pequenas pezas que conforman o libro Cousas de Alfonso Daniel Castelao, concretamente a que comeza «Xa van alá moitos anos», adaptada libremente —moi libremente, poderiamos dicir — polo propio José Signo, que tamén se encargou de realiza-los intertítulos (en castelán, aínda que salferidos de numerosos galeguismos) segundo afirman os créditos iniciais, os cales nos informan asemade de que o Xirobio do título está interpretado polo actor Julio Rúa, mentres que a ilustración musical correu a cargo de Ángel Teijeiro. Ámbolos dous — actor e músico — vencellados á Agrupación Dramática Galega, posta en marcha por Emilio Nogueira catro anos antes na cidade de Vigo co obxectivo de recupera-las actividades dramáticas en galego neses derradeiros anos da dictadura primorriverista.
O que se conta neste filme, dividido en cinco partes, é máis ou menos o seguinte: Entroido do ano 1930 na cidade de Vigo. O maduro, panchudo e mullereiro boticario Xirobio recibe a visita do seu amigo Moreno (interpretado —tamén— por José Signo), home elegante e atilado, compañeiro de andanzas nocturnas do protagonista. É domingo de Piñata e Moreno vén invitar a Xirobio a unha «bacanal carnavalesca», pero este rexeita a oferta, malia que o seu amigo non dubida en tirar do peto unha serie de fotografías de belas mozas (Paca, Fé, Lola, Clara, Fifí, Carola...) coas que teñen compartido noites de baile e xolda. Mais Xirobio mantén— non sen esforzo— a súa negativa: o domingo de Entroido é para el desde hai anos un día «sagrado» no que non pode saír. Así e todo, Moreno insiste e Xirobio acorda pasar á rebotica e contarlle os motivos da súa decisión. Tempo atrás e durante anos, Xirobio tivera que atura-la visita nos domingos de Entroido de dous trouleiros disfrazados que tapaban os seus rostos con máscaras choqueiras. Coñecedores dun segredo que para Xirobio era inconfesable, non dubidaban en invadi-la súa casa montando rebumbio, mofándose del e rindo a cachón, a máis de arramplar con viandas e licores. Ano tras ano, o boticario facía o posible por se agochar e eludi-las burlas, pero era inútil. Ó cabo e xa desesperado logo de ser descuberto unha vez máis, decidiu cambiar de táctica: convidounos a unha botella de augardente mesturada cunha gran dose de purgante. Os choqueiros beberon ata o remate o temible combinado e saíron da casa. Endexamais reapareceron. E Xirobio ficou comido polos remorsos, preguntándose desde entón se morrerían.
(...) Cabe recoñecer que, para se-la primeira longa autóctona, o argumento é — cando menos na súa parte final— algo sorprendente (salientemos, de paso, o feito de que se escollese unha historia estrictamente urbana). En calquera caso, da súa posible recepción no momento nada podemos saber, xa que logo — e por causas aínda por clarexar— o filme non chegou ás salas cinematográficas (malia que a productora anunciaba a súa inminente estrea a comezos de 1931). Daquela, e por riba doutras consideracións, semella que en principio estamos —unha vez máis— fronte a un proxecto promovido desde unha productora modesta, provisoria e escasamente capitalizada, que non foi quen de canalizalo cara ós circuítos comerciais.
Canto ós presupostos formais e narrativos polos que se rexe La tragedia de Xirobio, estes proveñen do cinema silente (o cal é lóxico: os mesmos que na producción española do momento aínda; lembremos, asemade, que a partir do mes de marzo dese mesmo ano de 1930 comezaron a estrearse nas cidades galegas as primeiras mostras de cine sonoro), do cal toma diversas e variadas referencias.
(...) Tras das imaxes albiscamos, ás veces, un operador amateur, que non move a cámara, co que os actores ollan e rin á mesma, que comete numerosos erros de raccord, que bota man do plano frontal e do tableau máis primitivos, ó que se lle coan nos encadres de exteriores numerosos curiosos ou despistados... alguén, en fin, que aínda non domina os rudimentos da narrativa cinematográfica. Mais, noutras ocasións, aparece un traballo coa imaxe que tenta asumir —sempre desde o traballo coa profundidade de campo a partir dun encadre que potencia ó máximo as liñas diagonais— non só os achados do modelo narrativo norteamericano (as escalas de encadramentos, as angulacións e movementos de cámara, a diversidade de puntos de vista, o encadre como «porta» pola que se pode entrar e saír en relación co conflicto, a valoración do espacio en off, etc.) senón mesmo algunhas das propostas aportadas polas vangardas cinematográficas dos anos 20, de xeito que determinadas secuencias (a actuación do grupo folclórico na praza, a deriva cara ó delirio de Xirobio) amosan procuras formais e recursos plásticos directamente debedores de cinematografías como a soviética ou a alemana. Ambivalencias que, loxicamente, tamén se reflicten nos restantes elementos linguísticos empregados: do corte en seco ó fundido en negro e de aí ó encadeado de imaxes; do plano fixo e inmóbil á montaxe confusa e mal resolta (sobre todo nas escenas de interiores) nuns casos, e a un concepto analítico da mesma noutros...
En definitiva, os aproximadamente 50 minutos que componen La tragedia de Xirobio constitúen non só un dos elos máis relevantes —desde a súa mesma condición, daquela, de longametraxe ficcional— na feble historia da nosa cinematografía, senón un conxunto de imaxes animadas aínda enigmático en boa medida (verbo da súa rodaxe, do seu financiamento, de tódolos facedores implicados, do seu destino imediato e posterior) e aberto á investigación.