La maldición de Frankenstein
The Curse of Frankenstein
Peter Cushing, Hazel Court, Robert Urquhart, Christopher Lee, Melvyn Hayes
- 82 min.
O doutor Victor Frankenstein está obsesionado con dar vida ao cadáver dun home morto. Pola súa ciencia, estará disposto a traspasar todos os límites da moral.
A novela de Mary Shelley tivera xa outras adaptacións, mais seguramente nunca antes unha tan descarnada como esta. O Frankenstein interpretado por Peter Cushing é unha persoa revirada e manipuladora, que non mostra nin a máis mínima empatía cara a nada nin cara a ninguén; só deixa ceibos os seus instintos animais e disfrázaos de progreso científico e mais silencia coa súa fortuna familiar toda posible contraposición moral ou ideolóxica ao seu pequeno reinado de terror. Terror é o xénero no que entra a produtora Hammer de maneira inequívoca con esta fita tras uns primeiros anos máis dedicada á ciencia-ficción. O éxito comercial da película será tal que acabaría sendo o modelo a seguir noutros proxectos durante a próxima década, sen que a fórmula dese apenas mostras de cansazo.
O monstro está interpretado de maneira brutal e sen o ápice do romanticismo que puido ter noutras versións por Christopher Lee. Foi a primeira ocasión na que el e Cushing colaboraban. Xuntos formarían a parella de protagonista-antagonista máis célebre da compañía, e nestas dúas estrelas asentou durante moito tempo a súa sona.
-
Terence Fisher / Christopher Lee: Drácula e outros monstros
La maldición de Frankenstein
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm. -
Terence Fisher / Christopher Lee: Drácula e outros monstros
La maldición de Frankenstein
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm.
- Ano:1957
- Países de produción: Reino Unido
- Guión: Jimmy Sangster (Novela: Mary Shelley)
- Fotografía: Jack Asher
- Montaxe: James Needs
- Produtora(s): Hammer Productions
Hammer e Frankenstein
Marcia Landy (British Genres. Cinema and Society, 1930-1960, Princeton University Press, pp. 412-414)
La maldición de Frankenstein baseouse na novela de Mary Shelley e non na película clásica de Hollywood. (...) esas escenas de crueldade seguidas de escenas de comida, que fusionan acontecementos ordinarios e extraordinarios, son bastante frecuentes na película e subliñan a íntima relación entre o mundo diúrno e o mundo do horror.
A crueldade de Frankenstein segue aumentando e reflíctese no comportamento do monstro. (...) Unha das principais innovacións con respecto á historia orixinal e á versión de Hollywood é a alteración do temperamento de Frankenstein. É máis frío, máis calculador e ten menos reparos morais. Do mesmo xeito que Quatermass, Frankenstein está obsesionado co seu traballo e ten pouco espazo na súa vida para os sentimentos. A súa misoxinia xa é evidente no trato que dá á súa tía cando é novo, e acentúase nas súas relacións adultas coa criada. Tanto no retrato do mozo Frankenstein coma no do adulto hai un elemento de dandismo no seu aspecto e de hedonismo no seu comportamento. Con todo, as súas galanterías coa criada non se trasladan á súa relación con Elizabeth, á que deixa soa a noite de vodas para traballar na súa criatura. O monstro, en lugar de ofrecer un contrapunto ao seu creador como na versión hollywoodense da historia, é en realidade unha extensión da agresividade e a carraxe de Frankenstein. É, como Dorian Gray, a exteriorización dos desexos do científico. Victor é o depredador que viola os mortos, explota as mulleres da clase obreira e mata para o seu propio beneficio. (...)
David Pirie sinalou que «o monstro de Christopher Lee, que vén ao mundo tan abruptamente, ao final da película, e tenta esganar o seu creador nada máis nacer, é sen dúbida o máis brutal e depravado de todas as películas de Frankenstein. Con todo, Lee apáñase para que pareza lamentable e desgraciado, polo que é un dos poucos actores que dotaron o papel de fondura e sutileza, a pesar de que as aparicións do monstro son extremadamente breves». A película rodouse en cor, e as escenas de mutilación quedan realzadas pola cor vermella sangue. O horrible non se insinúa, coma nos clásicos anteriores, onde se deixa que o espectador imaxine a violencia, senón que se fai explícito. En La maldición de Frankenstein, o espectador observa xunto a Frankenstein as consecuencias directas da crueldade e da depravación. A película confronta o espectador con estas imaxes de violencia, coma se quixese obrigalo a recoñecer os seus propios medos e propensións á crueldade.