
Flores de equinoccio
Higanbana / 彼岸花
Shin Saburi, Kinuyo Tanaka, Ineko Arima, Yoshiko Kuga
- 118 min.
Wataru Hirayama é un rico home de negocios de Toquio moi respectado entre os familiares e amigos pola serenidade e os consellos sempre acertados. Un antigo compañeiro de escola pídelle que interceda para que a súa filla, que fuxiu cun mozo a quen el non acepta, volva á casa. Wataru decide falar coa rapaza, mais debe afrontar unha situación imprevista cando un rapaz lle pide a man da súa filla máis vella, Setsuko. A Wataru non lle gusta que, sen falar antes con el para saber a súa opinión, Setsuko planease casar.
- Ano:1958
- Países de produción: Xapón
- Guión: Kôgo Noda, Yasujirô Ozu (Novela: Ton Satomi)
- Fotografía: Yûharu Atsuta
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
Flores de equinoccio
Aliza Ma
Yasujirô Ozu foi un mestre á hora de destilar o patetismo dos momentos pasaxeiros, aínda que nunca estivo totalmente ao día cos tempos. Realizou a súa primeira película en cor, Flores de equinoccio, en 1958, case unha década despois de que a industria cinematográfica xaponesa tivera adoptado unha gama de novas posibilidades cromáticas, abertas pola chegada das tecnoloxías de procesamento de películas en cor. (Por outra parte, nunca se desviou do seu cadro preferido de 1:33:1, mesmo cando Xapón empezou a favorecer relacións de aspecto máis anchas). A espera mereceu a pena. Este drama familiar moderno (shomin-geki) leva o seu distintivo abano de temas e preocupacións a un revelador e elevado rexistro de expresión, cunha exuberancia que roza o sirkiano.
(…) Para calquera que coñecera a obra de Ozu a través de obras mestras en branco e negro como Cuentos de Tokio e Primavera tardía, as súas dúas películas que adoitan recibir máis atención crítica, a visión dos mundos domésticos do director saturados de cor parece unha epifanía. Nos seus encadres perfectamente compostos, utiliza a cor para significar códigos e actitudes cambiantes, prestando especial atención aos rechamantes tons de vermello – visibles no forro dun quimono, nunha teteira lacada, na barra de labios das mozas e nos letreiros de neón das rúas de Ginza – para transmitir valores tanto tradicionais como modernistas. As características distintivos do seu coñecido estilo visual, como os seus "planos almofada" – escenas cotiás que se prolongan un instante máis do esperado –, resultan aínda máis silenciosamente sorprendentes que en monocromo.
(…) O gran crítico Robin Wood observou que os matrimonios nos filmes de Ozu son como a morte, tanto na súa prefiguración da morte dos pais como na súa destrución da identidade persoal, especialmente para as mulleres no Xapón da posguerra. Mais en Flores de equinoccio, o matrimonio non impide que os personaxes femininos accedan a unha fonte secreta de poder, como demostran os ollos brillantes e o enigmático sorriso de Kiyoko mentres se dedica obedientemente ás súas tarefas. Ao cabo, as mulleres da vida de Wataru danlle mil voltas e a súa teimosía debilítase. Quizais o poder que atopan é algo semellante á paciencia, unha das maiores virtudes de Ozu. Se agardas o suficiente, sempre existe a posibilidade de que o bo volva.
Aliza Ma, directora de programación de Criterion Channel (tirado da súa web, tradución propia do inglés)