
Filmei paxaros voando
Socorro González González, Pepe Outeiriño, Antonio Outeiriño, Concha Outeiriño, Marcos Outeiriño González
- 100 min.
Zeltia, tras dúas décadas en Barcelona lonxe da súa Galicia natal e da nai Socorro, unha muller conservadora da que se afastou, regresa á súa terra para filmar unha película e explorar o seu desarraigamento familiar. Na procura de respostas, segue a vida do seu tío Antonio, un artesán téxtil co que se identifica pola súa creatividade e visión da vida. Con todo, é coa nai con quen realmente se reencontra, sobre todo cando a saúde de Socorro empeora. Entre rodaxes e coidados, nai e filla atopan un espazo para sandar vellas feridas e compartir momentos de complicidade e amor.
-
Olladas de muller 2025
Filmei paxaros voando
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresenta: Zeltia Outeriño. Entrada gratis.
- Ano:2024
- Países de produción: España
- Guión: Zeltia Outeiriño
- Fotografía: Lucía C. Pan
- Montaxe: Zeltia Outeiriño González, Nuria Mosqueira
- Produtora(s): Sétima
-
Entrevista a Zeltia Outeiriño
Ana Romaní (Diario Cultural, Radio Galega)
Trailer
VOSE
Crónica dos coidados
Tanto no cinema de ficción coma no documental, importa moito –sobre todo neste último– como as persoas tras a cámara saben responder ao que a realidade dita, decotío escapando ao control dos cineastas ou das súas intencións iniciais. A rodaxe e a montaxe de Filmei paxaros voando, ópera prima de Zeltia Outeiriño, dan boa conta diso todo. Criada no que ela define como un ambiente conservador en Galicia, Outeiriño marchou con 23 anos a Barcelona para vivir en liberdade e perseguir as súas metas creativas. Dúas décadas despois decide volver á súa terra para reconectar cunha familia da que se sente desarraigada. O punto de entrada é o seu tío Antonio, un artesán do téxtil, poeta e homosexual, que soubo vivir sen ataduras ao tempo que mantiña ese vencello coa familia que Zeltia abandonou.
Pero a idealización desa figura xa ausente vai esmorecendo conforme Zeltia comprende que o seu tío brillaba en parte porque tiña un círculo de afectos e apoios, maioritariamente das mulleres da familia, que lle permitía expresar as súas inquedanzas creativas e a súa ideoloxía máis liberal cunha sorte de rede de seguridade. Se cadra esas mulleres non puideron expresarse igual de libremente, aceptando con abnegación certos roles de xénero impostos.
A súa nai revélase e rebélase como máis aberta e rompedora do que a filla inicialmente lle concede. Conforme avanza a metraxe e a súa enfermidade, filla e nai vólvense máis próximas, estala a pandemia da COVID-19 e o foco do filme muda. Na súa segunda parte a vontade de expresión da filla, buscando un espello no seu tío, deixa de contar para se centrar o relato nos últimos meses de vida da nai. Esa experiencia achega a ambas mulleres e aí comezan a falar de cousas que seguramente nunca abordaron na súa existencia. A perspectiva da morte derruba todas as barreiras e a fita ábrese a un diálogo verdadeiramente libre; Outeiriño consegue, seguramente de xeito inesperado e doloroso, acadar ese binomio liberdade-afecto que declara desexar ao inicio do filme.
Na liña de documentais esenciais no subxénero como Birth\Mother (Tarachime, 2006), de Naomi Kawase, ou No Home Movie (2015), de Chantal Akerman; Filmei paxaros voando preséntasenos como o diálogo honesto e sen ambaxes entre unha nai e unha filla, nunha época e nun lugar no que os coidados familiares están á orde do día e, como reflexiona Outeiriño nun momento da fita, non mudaron no relevo xeracional: seguen a executalos primordialmente mulleres.