
Farrebique ou Les quatre saisons
- 90 minutos
Retrato dunha pequena vila de Francia, Farrebique, ao longo de todo un ano, en que o cineasta filma a rutina da súa familia nos labores do campo. Filme documental considerado un dos cumes do xénero no cine galo.
- Ano:1946
- Países de produción: Francia
- Fotografía: André Dantan
- Montaxe: Madeleine Gug
Daquela, aínda se pronunciaban os “r”, falábase un patois que practicamente desapareceu, vivíase coa natureza. Farrebique, no sudoeste de Francia. É o nome da granxa na que Georges Rouquier decidiu filmar a súa familia durante un ano, entre 1944 e 1945. E Farrebique é o nome que deu á súa longametraxe. Esta foi a primeira película en obter o premio da Federación Internacional da Prensa Cinematográfica (Fipresci) hai xa 70 anos.
En Farrebique, cada un interpreta o seu propio personaxe. Este documental obxectivo, que é como unha ficción da realidade, permite internarse no diario vivir dunha familia: os seráns á luz do candil de petróleo no inverno, a colleita no verán, o arado no outono. Georges Rouquier convídanos cada intre a acompañalo na mesa, no campo, a un funeral. E tamén nos fai partícipes das súas interrogacións: Hai que aceptar a chegada da electricidade? Hai que partillar as terras?
Con esta película, Georges Rouquier adquiriu o status do pai do documental francés. Farrebique ofreceu ao director aveironense un recoñecemento mundial. Tras recibir o premio Fipresci en Cannes, a película foi distribuída nos Estados Unidos, onde foi considerada obxecto de estudo. Para Steven Spielberg e Francis Ford Coppola, é unha referencia que marcou un fito na historia do cine.
Trinta e oito anos máis tarde, Georges Rouquier regresou á granxa Farrebique e filmou Biquefarre. A pesar de ter os mesmos personaxes na mesma granxa, todo cambiara. O campesiño convertérase en agricultor e utilizaba tractor e pesticidas, vendía as súas colleitas e compraba mercadorías, e a lingua occitana era máis discreta. Farrebique logrou deixar unha pegada cinematográfica no lugar en que Biquefarre apareceu coma o reflexo do cambio profundo que viviu a agricultura en Francia.
Festival de Cannes