Red Redemption
- 4 min.
A cidade de Saint Denis, que se atopa ao sur de Estados Unidos, é un pastiche de Nova Orleans a principios do século XX. É a cidade capital no videoxogo Red Dead Redemption 2. Homes e mulleres traballan nas fábricas e de noite sentan no chan de terra fronte ás súas cabanas, mentres que a ociosa clase burguesa le xornais ou poesía en xardíns ben atendidos na outra punta do mapa. Polo medio, a clase media pasea polo barrio e visita o teatro. Centos de NPCs (personaxes non xogables), os extras deste set, representan as mesmas dinámicas de clase que moldean os espazos urbanos das realidades capitalistas tanto dixitais como físicas. A través dun circuíto marxista pola cidade, Total Refusal analiza o lucro e a plusvalía, o capital e a acumulación nun medio de masas como é o videoxogo. Un curso intensivo en marxismo utilizando como escenario un videoxogo mainstream.
-
Intersección 2024
Red Redemption
Hardly Working
Kinderfilm
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPRetrospectiva Total Refusal. Entrada gratuíta.
- Ano:2021
- Países de produción: Austria
Retrospectiva Total Refusal
Javier Trigales
O colectivo artístico Total Refusal defínese na súa web como un grupo de guerrilla pseudo-marxista de intervención e reapropriación artística dos videoxogos. A súa importancia é capital cando a industria do videoxogo é o gran motor do entretemento capitalista a día de hoxe. Os videoxogos necesitaban, como aparello audiovisual de transcendental importancia na nosa sociedade, dunha revisión ou relectura crítica que non existía máis aló de noticias de trazo groso que os asocian á violencia de cando en cando. A realidade (e isto é o que mostra Total Refusal co seu traballo) é que os videoxogos non fan máis que explicar o funcionamento do mundo. O que realmente ocorre no interior dos xogos mundialmente famosos como Grand Theft Auto ou Battlefield non é algo fácil de ver a primeira vista, mentres camiñamos enfrascados en misións e obxectivos varios. Cando nos paramos e miramos é cando empezamos a darnos de conta do que nos rodea, cando cae o veo desa realidade artificial e comprobamos o que hai detrás do pano de píxeles e dos uns e os ceros.
O propio nome do colectivo, “Total Refusal”, xa é toda unha declaración de intencións: néganse a seguir as regras e utilizan estes videoxogos para resignificalos e poñer o foco en aspectos en teoría marxinais, mais onde se agocha o verdadeiro corazón da besta. Os artistas apróprianse das imaxes nun exercicio de found footage posmoderno, e rescátanas do mainstream utilizando as súas propias armas: como se fosen un grupo de gamers que transmiten as súas partidas en directo, eles non buscan gañar, se non fuxir das misións, eludir a violencia: a vitoria por medio da rendición. Entre medias, teñen tempo para encomiar o traballo dos deseñadores gráficos do videoxogo e de dar auténticas clases mestras de arquitectura urbana, historia, xeopolítica e estudos sociolóxicos a través de dous personaxes que aparecen como figurantes, pero que representan o clasismo social que segue rexendo o mundo. A de Total Refusal é unha chamada á rebelión, a hackear o sistema a través do erro, da negación, de contradicir ordes. Como din eles nun dos seus traballos, can we start glitching?