El sabor del sake
Sanma no aji / 秋刀魚の味
Chishû Ryû, Shima Iwashita, Keiji Sada, Mariko Okada
- 113 min.
Shubei Hirayama é un viúvo que vive coa filla de 24 anos, Michiko. Séntese vello e acabado, mais chega á conclusión de que a rapaza deber vivir a súa vida, sen ter a obriga de coidalo permanentemente. A pesar da resistencia de Michiko a abandonar o pai, Shubei decide que debe casar con Miura, un mozo polo que se sente atraída. Mais Miura xa está comprometido.
- Ano:1962
- Países de produción: Xapón
- Guión: Kôgo Noda, Yasujirô Ozu
- Fotografía: Yûharu Atsuta
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
El sabor del sake
Shigehiko Hasumi
Nesta celebración do centenario de Yasujirô Ozu, gustaríame falar, non dos sorrisos que evocan os seus filmes, senón da ira que neles se representa. Aínda que a miúdo se ten descrito as mulleres de Ozu como modelos de virtude feminina, quero sinalar, en cambio, os xestos de indignación que mostran esas mulleres, e mostrar así os aspectos modernos da posta en escena de Ozu. (...)
En El sabor del sake, Shima Iwashita aparece pasando o ferro cunha toalla a raias vermellas e azuis ao redor do pescozo. O xardín que se ve a través da porta de cristal xa está envolto na escuridade nocturna. Non hai ninguén máis da familia presente, mais calquera que vexa esta muller traballando con esmero terá unha sensación de desequilibrio. Para Ozu, as toallas son normalmente accesorios para homes; levar unha toalla ao pescozo non é unha aparencia axeitada para unha muller solteira. Esta muller é filla dunha familia que perdeu a súa nai moi cedo. Aínda que agora está en idade de casar, segue coidando da casa de seu pai viúvo. Neste sentido, o personaxe de Iwashita é unha extensión da imaxe feminina definida polas mulleres casadeiras interpretadas por Setsuko Hara como as heroínas chamadas Noriko. (...) Daquela, que acontece con Shima Iwashita en El sabor del sake?
(…) Cando o pai interpretado por Chishû Ryû volve á casa, tropeza coa súa filla que pasa o ferro dunha forma que demostra claramente que bebeu máis do habitual. Apoiado na mesa baixa, déixase caer e mira fixamente a súa filla con dureza. Calquera que seguira a historia recoñecerá inmediatamente o que significa a súa torpe actitude. Acaba de ver a lamentable vida do seu antigo profesor de instituto, que envelleceu xunto a una filla que perdeu a oportunidade de casar. (…)
Amolado pola fría resposta da súa filla, o pai dille que veña sentar con el. Ozu comeza esta escena con planos dende dúas distancias diferentes. No primeiro, a cámara mostra a filla dende unha distancia considerable mentres termina de pasar o ferro, dobra a roupa, se ergue e se achega a seu pai. Cando está a piques de sentar, a cámara cambia a un primeiro plano do busto da filla, estrañamente inexpresiva. No segundo plano, inclina lixeiramente a cabeza e quita rapidamente a toalla do pescozo.
Ao revelar tanto os encantos femininos da filla como a súa decisión de rexeitar a seu pai, ese breve xesto atrapa o corazón do espectador. A traxedia de El sabor del sake é que o pai non é o suficientemente perspicaz como para recoñecer o enfado da súa filla, expresado no seu xesto de tirar a toalla. Non podemos perdoar a súa insensibilidade só porque estea interpretado por Ryû; Ozu dirixiu claramente esta escena dende o punto de vista da filla profundamente ferida.
Shigehiko Hasumi
en ‘Ozu’s Angry Women’, publicado en Rouge (2004). Tradución propia do inglés.