Caras y lugares
Visages villages
Agnès Varda, JR, Laurent Levesque, Jean-Paul Beaujon, Amaury Bossy, Yves Boulen
- 94 minutos
O artista gráfico urbano JR e a veterana realizadora Agnès Varda unen forzas neste filme a catro mans que os leva a visitar os confíns de toda Francia, as súas aldeas, as súas rúas, as explotacións agrícolas e as fábricas. Un retrato de tipos diverso dun país en proceso de cambio, que evolucionou un mundo dende que Varda sacase a súa cámara polas rúas de París en Daguerrotipos (1976) ou percorrese as vilas en Los espigadores y la espigadora (2000). O traballo fotográfico de JR engade unha nova dimensión a este renovado e vitalista pulso á sociedade francesa.
- Ano:2017
- Países de produción: Francia
- Guión: Agnès Varda, JR
- Fotografía: Roberto De Angelis, Claire Duguet, Julia Fabry, Nicolas Guicheteau, Romain Le Bonniec, Raphaël Minnesota, Valentin Vignet
- Montaxe: Maxime Pozzi-Garcia, Agnès Varda
- Produtora(s): Ciné Tamaris, Social Animals, Rouge International
-
Los otros rostros y lugares de Agnès Varda
Artigo de Héctor Llanos Martínez en El País sobre as conexións de Caras y lugares con outros títulos da filmografía de Varda
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
Para espectadores que crean nun cine humanista
Manu Yáñez (Fotogramas)
Dende a súa idea inicial, este documental con forma de road movie rural exhibe a súa excentricidade cunha xovialidade festiva: que fan xuntos unha cineasta de 89 anos (a maxestosa Agnès Varda) e un fotógrafo e muralista de 35 (o reputado JR)? Que os leva a viaxar por unha pouco insigne colección de paraxes do campo francés? Sería tentador afirmar que simplemente queren estar xuntos e celebrar a súa amizade, demostrando, de paso, que a mocidade é unha cuestión de espírito moito máis que de primaveras cumpridas. Porén, Caras y lugares é moito máis ca iso, como demostran, por exemplo, as derivas sorprendentes desta película feliz, mais tamén melancólica. Aí está o momento en que a memoria persoal e a histórica conflúen nunha imaxe do fotógrafo Guy Bourdin (tomada por Varda en 1960), que JR fixa sobre as ruínas dun búnker nazi varado nunha praia de Normandía. Ou a impagable visita do dúo protagonista a Rolle, Suíza, na procura do fuxidío Jean-Luc Godard, xenio e figura.
En Caras y lugares, o azar devén a forza motora dunha obra que é, á vez, un testemuño vivencial, un exercicio ensaístico e un escenario para o encontro entre iguais. De feito, Varda leva anos (desde Los espigadores y la espigadora, en 2000) intentando demostrar que o diálogo franco cos outros é o mellor método para se entender un propio e, no seu caso, tamén a arte cinematográfica. No seu novo filme, Varda sitúase sempre á altura dos seus interlocutores, aos que interpela con curiosidade e termina homenaxeando ao empapelar as fachadas das súas casas ou lugares de traballo con retratos xigantes deles mesmos. Efémeros exercicios de arte plástica que adquiren unha dimensión profunda ao se elevaren como ofrendas ao tesón, á nobreza e ao espírito colectivo destes homes e mulleres comúns. O filme de Varda e JR contén un xesto humanista de primeira orde, unha dozura que nos anima a conservar a fe no cine como guía luminosa en tempos de escuridade.