
Betzy Bromberg. Programa 1.
- 72 min.
Petit Mal
Betzy Bromberg | 1977 | EUA | 16 mm | 18 min
A voz abstraída dunha e moitas mulleres que buscan. (Betzy Bromberg)
Ciao Bella
Betzy Bromberg | 1978 | EUA | 16 mm | 9 min
Un filme persoal sobre o amor e a mortalidade. (Betzy Bromberg)
Soothing the Bruise
Betzy Bromberg | 1980 | EUA | 16 mm | 21 min
Roles sexuais, consumo e destrución nos Estados Unidos. (Betzy Bromberg)
Marasmus
Betzy Bromberg, Laura Ewig | 1981 | EUA | 16 mm | 24 min
A resposta dunha muller á tecnoloxía/o desfasamento do nacemento. (Betzy Bromberg, Laura Ewig)
-
(S8) XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico
Betzy Bromberg. Programa 1.
Versión lingüística:VOFormato:16mm.Entrada de balde.
Betzy Bromberg: o micro e o macro
Elena Duque
Betzy Bromberg empezou a facer cinema a finais dos 70. Dentro da variedade do seu cine desde entón ata agora, hai unha cuestión que parece ter relevancia sempre: como conseguir unha amplitude de miras macroscópica a partir do microscópico, como conter un universo enteiro encadrando só unha pequena esquina da realidade. Mentres que as súas primeiras películas fixan a vista sobre certos suxeitos e lugares, poñéndoos en relación coas escalas políticas e sociais estruturais que moven os fíos do mundo, nas últimas o achegamento ao pequeno, ao que apenas pode ser percibido sen a ampliación da óptica da cámara e as súas posibilidades, semella escavar nos recantos máis profundos da natureza humana, contendo en si un mundo espiritual e cultural infindo. Esas primeiras películas destilan axitación, contacto e confrontación, en tanto que as últimas suxiren a necesidade dunha introspección que elimine o ruído do mundo para poder acceder a outras verdades esenciais. En calquera caso, ambas son sinais dun xeito de traballar que se basea nunha observación dirixida e concentrada, no pensamento en acción a través das imaxes en movemento e a materialidade do cinema.
Bromberg empeza a súa carreira en Nova York, que é onde filma as dúas películas que abren o primeiro programa: Petit Mal (1977) e Ciao Bella (1978). Ambas están conectadas á vida na rúa, aos recantos pouco glamorosos da cidade, a certa sordidez vista con tenrura e empatía. Trátase de películas en constante movemento e asociación de ideas, de aire punk, que vibran ao son dunha colaxe sonora de fala cotiá, retrincos de radio, contestadores, sons de todo tipo e conversas varias. Petit Mal (1977) é o retrato dunha moza asfixiada polo encaixado lugar que lle deixan a sociedade e as relacións, e as súas maneiras de escapar del. Ciao Bella (1978), pola súa banda, xoga coas imaxes dunha tórrida Nova York, clubs de strippers, moteiros e a presenza perigosa do desexo. Algo omnipresente mais á vez inaprehensible, cun dobre fío. Tras estas películas, Bromberg múdase aos Ánxeles, onde estudará cinema da man de Chick Strand. En Soothing the Bruise (1980) continúa a explorar o malestar das mulleres dentro do patriarcado e o neoliberalismo recalcitrante. O feminino e o masculino enfróntanse: de novo os corpos de mulleres cousificados, en forma de clubs de topless e de mozas das da cartilla, e a expresión de certa masculinidade (ligada ao comercio) que se encarna nos camioneiros que paran en bares da estrada. A política a grande escala vaise entrecruzando así coas situacións cotiás, a belicosidade da virilidade, a compravenda e as transaccións como únicas formas de se relacionar posibles. Sen perder momentos punk, Marasmus (1981), feita en colaboración con Laura Ewig, vaise achegando máis á abstracción e á manipulación da imaxe para xerar estados inmersivos. A palabra marasmo designa a malnutrición infantil que impide o desenvolvemento e crecemento normais. O movemento da cidade cara a outros lugares acentúase, en paisaxes por veces apocalípticas, ruínas industriais por veces impoñentes. Entre o soño e o pesadelo, as imaxes estilizadas de Marasmus e a súa colaxe sonora parecen sinalar ese marasmo ao cal a sociedade tecnificada e desapiadada nos aboca.
O segundo programa recolle unha das longametraxes de Bromberg, a Darkness Swallowed (2005), que parecería ser a depuración máxima de traballos dos 80 e os 90 como Az Iz (1983) ou Divinity Gratis (1996), nos cales Bromberg aborda os seres humanos como especie entre o resto das especies, e figura os efectos marabillosos e devastadores da civilización, falando tamén da vida e da morte en películas en que vai deixando atrás progresivamente a palabra para nos somerxer nun mundo máis sensorial, imaxes que cada vez van máis ao detalle, ao orgánico, e sons que cada vez máis van á xeración dunha atmosfera de meditación, inquietante por momentos. A Darkness Swallowed (2005) explora, pola súa banda, a memoria a partir dunha vella fotografía. O que, dalgún xeito, nos confronta coa idea do cinema como máquina xeradora de imaxes mentais cuxa decodificación non é tan obxectiva nin directa como podería parecer. No seu movemento á abstracción, a cámara de Bromberg achégase cada vez máis ás estruturas naturais, á resina, ás substancias e materiais orgánicos, e tamén á luz como elemento determinante: todas, cousas que ben poderían gardar toda a memoria da terra. As lóxicas da sociedade achícanse na súa mesquindade fronte á permanencia e teimosía da natureza e do subconsciente do mundo.
O terceiro programa dedicámolo á súa máis recente longametraxe, Glide of Transparency (2016-17), culminación á triloxía que empeza por a Darkness Swallowed (2005) e segue con Voluptuous Sleep (2011). Se Voluptuous Sleep (2011) presenta unha delicada abstracción escura, Glide of Transparency (2016-17) lévanos á cor, ao translúcido, a unha especie de xardín que contemplamos como embriagadas abellas viaxando de flor en flor. Trátase dunha película luminosa (unha película sobre a luz), acariciante e case balsámica, unha inmersión no suave e no amoroso. Chegamos ao plano do microscópico, amplificado polos seus xeitos de facer e pola pantalla de cinema. Xa non hai linguaxe articulable de maneira ningunha, traspasamos o limiar cara á pura emoción.
Esta é unha viaxe, pois, que empeza na rúa coa súa suciedade e a súa axitación, para terminar transcendendo a través do cíclico e eterno. Porque a consciencia se gaña mirando ao detalle, ben sexa á cotiandade urbana ou ao intricado mundo do natural.