
(S8) XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico
Do 3 de xuño de 2025 ao 7 de xuño de 2025
No ano 2025 cúmprense 50 anos do lanzamento do súper 8. (S8), o nome da Mostra, é en parte unha homenaxe e chiscadela a este formato en principio doméstico que xogou un papel particular dentro da historia do cinema experimental, e que ocupou un lugar importante na programación ao longo de todas as edicións do festival. Nesta ocasión, o (S8) trae dúas figuras do súper 8 latinoamericano: o venezolano Carlos Castillo e a arxentina Daniela Cugliandolo, acollendo a Filmoteca unha master class do primeiro.
Carlos Castillo é un artista venezolano que empezou a súa andaina na escultura nos anos 60, estendendo a súa obra á instalación, o cinema e a videoarte. Ademais de ser unha das figuras máis destacadas da arte venezolana, é parte dunha xeración mítica de superocheros do país caribeño. O Festival do Cinema en Super 8 de Caracas, xurdido en 1976 e dirixido durante varios anos por Castillo, foi unha das mecas mundiais do cinema neste formato, apostando polo cinema experimental e de vangarda (no festival participaron, entre outros, cineastas como Stan Brakhage) e dando de si unha xeración excepcional de creadores. No ano 1981, chamando a atención do cinema mundial, convidouse a unha delegación de tres cineastas en súper 8 venezolanos ao Festival de Cannes, da cal formou parte Castillo xunto a Julio Neri e Diego Rísquez. O cinema de Castillo xoga coas convencións do cinema dunha maneira intelixente, crítica e lúdica, ao longo de diferentes películas e accións performativas en directo. As súas películas foron obxecto de estudo na última década en investigacións como a crucial Istmo, Istmo, Istmo, primeira xenealoxía do cinema experimental latinoamericano. É a primeira vez que se lle dedica unha retrospectiva ao cinema de Castillo en Europa. Ademais da revisión da súa filmografía no seu formato orixinal que presenta o festival, percorreremos da man do propio Castillo a historia do cinema de vangarda en súper 8 venezolano nunha master class cuxa sede será a Filmoteca de Galicia.
Alén da homenaxe ao súper 8, nesta edición tamén concedemos espazo á posta en valor da obra de cineastas mulleres, seguindo a liña de apostas de edicións anteriores polo cinema de creadoras como Amy Halpern e Barbara Sternberg. Nesta ocasión dedícaselle unha retrospectiva á obra da estadounidense Betzy Bromberg, que revisa a súa carreira desde 1976. Desde as súas primeiras películas, embebidas no Nova York de finais dos 70, no punk, o feminismo e a crítica ao establishment, ás súas últimas películas, que viran cara a un delicado traballo coa abstracción como unha maneira de reflexión ao redor da condición humana. Ao longo de tres sesións repasaremos a obra de Bromberg no seu formato orixinal, 16 mm, factor esencial para poder gozar na súa plenitude do seu traballo.
Por outra banda, volve á Coruña a cineasta chilena Jeannette Muñoz, que nos visita por segunda vez para mostrarnos as súas novas películas. A obra de Muñoz é un proceso orgánico sempre aberto, que vai recompilando a súa particular experiencia do mundo, sempre atravesada polo persoal e o político ao longo dos anos. Poderemos ver un resumo desde as súas primeiras entregas ás máis recentes, de 2025, da súa serie Envíos, cartas filmadas a diferentes destinatarios, así como películas recentes dedicadas a enclaves singulares de Chile e máis alá, na relación particular que se establece con eses lugares desde a mirada dunha persoa migrante.
No que se refire á creación contemporánea, a sección Sinais do (S8) convoca o cinema experimental contemporáneo da península. O primeiro programa desta sesión, que se poderá ver na Filmoteca, organízase ao redor da idea de territorio e paisaxe, aglutinando as últimas películas de Laura Moreno Bueno, Pablo Useros e Deneb Martos, Marta Lara, Jorge Suárez Quiñones-Rivas, Sofía Acosta Varea e Anaís Córdova-Páez e dos galegos Carlos M. Peñalver e Cristina Souto Pita.
Finalmente, e nunha chiscadela á imaxe do festival, o programa ‘Unha aproximación ao volcán’ recolle unha serie de películas ao redor da idea destas montañas fumarentas. Poderanse ver nese programa as películas Fuji, de Robert Breer, I. E. [site 01-isole eolie], da austríaca Lotte Schreiber, La Montagne infidèle, película recentemente reencontrada e restaurada pola Filmoteca de Catalunya de Jean Epstein, pechando Light, Noise, Smoke, And Light, Noise, Smoke, última película do recentemente falecido Tomonari Nishikawa, ao que o festival tamén rende homenaxe desta maneira.
Coa colaboración de

Sinais. Programa 1.

Unha aproximación ao volcán

Betzy Bromberg. Programa 1.

Jeannette Muñoz. Programa 1.

Betzy Bromberg. Programa 2.

Betzy Bromberg. Programa 3.

Masterclass Carlos Castillo
