
SHARA
Naomi Kawase, 2003
99'. Subtítulos en galego. Cero en conducta. Presentación: Javier Porta Fouz
SHARA SÔJU / SHARA
(Japón, 2003)
Dirección e guión: Naomi Kawase. Intérpretes: Kohei Fukunaga, Yuka Hyoudo, Naomi Kawase, Katsuhisa Namase. Dur.: 99 min.
“A historia dunha familia golpeada pola desaparición dun dos seus fillos. Shara é delicada, é unha película que murmura. A xaponesa Naomi Kawase conta unha vida familiar ferida polas ausencias, e faino mediante un proceder cinematográfico que busca e encontra. A partires da observación respectuosa dos dramas e a reconstrución dos lazos, a directora introduce o espectador nun mundo íntimo, afastado e ao mesmo tempo recoñecible. Mediante longos travellings que buscan descubrir os pequenos detalles seguindo os personaxes coa distancia exacta, Shara expón unha intensa vitalidade e un potente realismo, e parece contada por un ollo que flota e persegue os personaxes, coma en Le fils dos Dardenne pero con maior pudor e distancia. Estas verdadeiras imaxes en movemento viaxan constantemente desde o tenuemente fráxil a un latexar de emocións aluvional, e ilumínanse con escintileos sorpresivos. E isto pode suceder cando se mostra a carreira dos rapaces entre as rúas, ou a fugaz presenza dun gato, ou unha saia levantada, ou un parto, ou un baile festivo, que xa se converteu nunha das secuencias imprescindibles desta década e ilumina claramente un dos camiños do futuro do cine” (Javier Porta Fouz).