MUTACI(o)NES (I)
Do 1 de xullo de 2005 ao 31 de xullo de 2005
Desde hai uns anos o cine está a cambiar. O cine e a cinefilia, e con eles o discurso crítico. Novos cineastas, en moitos casos procedentes de países afastados dos centros tradicionais da produción cinematográfica, e novas estéticas. Tamén, un novo xeito de achegarse ao cine, de difundilo, grazas á xeneralización do “tráfico” de DVDs, Internet, e-mule, etc., etc. E unha crítica nova que rompe cos inamovibles canons e posicionamentos da vella cinefilia. Fronte ao discurso de hai uns quince ou vinte anos, “o cine morreu”, hoxe temos claro que, lonxe desta aseveración, o cine non morreu, senón que está moi vivo, só que pode que estea noutra parte: en Asia, en Latinoamérica, nos países do leste europeo… O fenómeno tivo un primeiro reflexo no libro “Movie Mutations”, recompilado por Jonathan Rosenbaum e Adrián Martín en 2003 (publicado polo British Film Institute e de próxima tradución pola Editorial Paidós).
O cine muta, e estas mutacións serán as protagonistas desta sección ou ciclo que no seu epígrafe, “MUTACI(o)NES” (título suxerido por Antonio Weinrichter), homenaxea as orixinais “Movie Mutations” e que irá programando con carácter mensual algunhas das películas e dos cineastas que constitúen a avanzada deste “movemento” (con independencia de que o resto da programación do CGAI non permanecerá alléa a el, caso, por exemplo deste mesmo mes coas dúas películas de Lisandro Alonso). Cada unha das sesións estará presentada por un crítico; críticos moi novos nalgúns casos, noutros vellos coñecidos do CGAI, auténticos “conversos” a este novo xeito de ver o cine. O primeiro deles será Javier Porta Fouz, xefe de redacción da revista de cine arxentina El Amante, que presentará unha película da súa elección, a xaponesa Shara, de Naomi Kawase, verdadeiro cabalo de batalla que enfronta a nova e a vella crítica. Como moitos dos títulos que irán asomando nesta sección, Shara, presentada na sección oficial de Cannes 2003, permanece inédita comercialmente en España.
Agradecementos: Joseph Lluis Fecé, Antonio Weinrichter, Editorial Paidós, Javier Porta Fouz.
