Saul Levine, programa 1
Saul Levine, (1968-2013)
70'. Super 8/ 16mm. Entrada de balde
Notes of an Early Fall part I & II. EEUU, 1976, Súper 8, 33 min.
Note One. EEUU, 1968, 16 mm, 7 min.
Falling Notes Unleaving. EEUU, 2013, 16 mm, 13 min.
Light Licks: by the Waters of Babylon: I Want to Paint it Black. EEUU, 2011, 16 mm, 12 min.
Note to Erik. EEUU, 1966-1968, 16 mm, 4 min.
Conta Saul Levine que comezou a facer filmes cunha cámara de 8 mm que unha súa tía gañou nun concurso. Así foi como Levine se fixo pioneiro, ao converter o formato fílmico doméstico máis popular en ferramenta para un cine próximo ao corpo, inmediato íntimo e indomeable. Membro activo da contracultura desde os anos sesenta, Levine é ben coñecido polas súas “notas”, películas diarísticas nerviosas, líricas e vivas, en que a cámara parece ser unha prolongación do seu corpo, e en que a imperfección e a visceralidade forman parte da súa esencia única. Tan só unha vertente dunha obra que destila enerxía política, non só desde as súas pezas dedicadas ao activismo, senón desde as implicacións dos seus modos de facer (máis achegados ao punk ca ao academicismo), desde a incansable resistencia de quen filma cunha honestidade e un compromiso absolutos, e desde a postura de quen non deixa que o mercado impoña cales han de ser as súas ferramentas de traballo. Coetáneo de Brakhage e de Schneemann e un dos membros chave da historia do cine de vangarda estadounidense, Levine desenvolveu un traballo que influíu en innúmeros cineastas desde o Massachussets College of Art, en Boston, onde ensina e programa.
Sexa este programa unha celebración da súa resistencia, a resistencia.