Tendencias do Cine Italiano do século XXI
Do 1 de abril de 2008 ao 30 de abril de 2008
Coa colaboración de Ambasciata d'Italia in Spagna, FilmItalia, Istituto Italiano di Cultura di Madrid, Istituto Italiano di Cultura di Barcellona, Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Zaragoza, Filmoteca Regional Francisco Rabal, Filmoteca de Albacete (Castilla-La Mancha), Filmoteca Canaria, Filmoteca de Extremadura.
Coordinado por Daniela Aronica, o ciclo presenta oito películas italianas que non chegaron ás pantallas españolas, exhibidas nun circuíto que itinera por sete filmotecas. O ciclo serve de presentación da revista anual de cine italiano «Quaderni del CSCI», coeditada pola Asociación Española de Historiadores del Cine, que alcanza o seu terceiro número, esta vez dedicado á produción recente. Analiza, no seu conxunto, as principais liñas de desenvolvemento do cine italiano contemporáneo de ficción.
“A falta dunha industria sólida, que saiba levar o produto a competir no mercado cunha adecuada promoción, é unha das causas fundamentais da escasa visibilidade do cine italiano. Pero isto só apunta a un déficit “exterior”. Os que temos a sorte de ser espectadores habituais de filmes italianos sabemos que, nos últimos dez anos, o cambio a mellor foi notable. Nunha produción que se aproxima aos cen títulos anuais –coproducións incluídas– é seguramente un gran logro poder contar con 10-12 obras de boa ou excelente factura, capaces de aglutinar a un novo público que nas salas non pretenda unicamente evadirse. Os veteranos Monicelli, Scola, Emmer, Lizzani seguen facendo cine. Olmi e Bellocchio están atravesando unha nova primavera creativa. Moretti, Tornatore, Salvatores, Soldini, Piccioni e Giordana rodaron, nestes últimos anos, algunhas das súas obras máis intensas. Pero con eles avanza o pelotón dos novos realizadores con forte personalidade e discurso propio, encabezado por Paolo Sorrentino, Matteo Garrone, Emanuele Crialese e Vincenzo Marra. Pola súa parte, as mulleres directoras, tradicionalmente escasas, xa representan unha realidade consolidada, non en tanto colectivo, senón por méritos individuais (Antonietta De Lillo, Cristina e Francesca Comencini, Roberta Torre, Francesca Archibugi e as mozas Costanza Quatriglio e Federica Martino). A destacar tamén o debut detrás da cámara dalgúns magníficos actores como Kim Rossi Stuart, Michele Placido e Sergio Castellitto. Así como sorprenderon, pola súa excelente ópera prima, Paolo Franchi, Saverio Costanzo, Michelangelo Frammartino ou Salvatore Mereu. E a lista debera continuar lembrando algunhas traxectorias “híbridas” de documentalistas prestados ao cine de ficción (Guido Chiesa, Renato De Maria) ou de cantautores metidos a directores de cine (Ligabue, Battiato ou Paolo Conte), sinal inequívoco do forte atractivo que exerce a linguaxe audiovisual sobre as outras artes.[...] Da man de Riccardo Scamarcio ou Giorgio Pasotti, Pierfrancesco Favino ou Stefano Accorsi, Alessio Boni ou Silvio Muccino as novas xeracións descobren unhas películas diferentes. Á parte, apenas cabe resaltar que, nun cine como o italiano sempre asociado na memoria ás mulleres (Anna Magnani, Sophia Loren, Silvana Mangano, Claudia Cardinale, Stefania Sandrelli), este cambio de rumbo equipara –nunha sociedade finalmente paritaria– a divos e divinas no imaxinario colectivo.
Os resultados do proceso que vimos describindo están á vista de todos: en cinco temporadas, de 2003 a 2007, o cine italiano pasou do 21,8% ao 31,7% da cota de pantalla, cunha tendencia á alza constante no último trienio. En cambio, o cine estadounidense baixa do 64,5% ao 55,4%. Agora hai que acompañar ao noso cine fóra das fronteiras nacionais co apoio imprescindible de todos aqueles que cren que a cultura nos fai a todos un pouco máis libres”.
Daniela Aronica, Directora e editora «Quaderni del CSCI»
Agradecementos: IntraMovies, Adriana Chiesa Enterprises, Rai Trade, Julio Pérez Perucha, Francesco Milani.