
Pioneiras do cine (I)
Do 11 de marzo de 2020 ao 1 de abril de 2020
Ao longo de varios meses, o CGAI-Filmoteca de Galicia irá presentando diferentes programas das moitas pioneiras do cine ás que a historia deixou no esquecemento. Por pioneiras entendemos mulleres que traballaron na industria, fundamentalmente na norteamericana, nas primeiras décadas do cine, case que todas elas no período do mudo, malia podermos tamén contabilizar algunha excepción nos anos trinta do século pasado. En case todos estes casos foron unhas carreiras demasiado efémeras. E se nos centramos na industria é porque fóra dela, nos terreos da animación ou das prácticas experimentais, o papel das mulleres tivo máis continuidade e recoñecemento: Germaine Dulac, Lotte Reiniger, Maya Deren, Marie Menken etc.
Neste programa de marzo e abril dedicaranse sesións a Alice Guy ou Alice Guy-Blaché (1873-1968), que comezou moi axiña en Francia (1896) e que na segunda década do século XX desenvolveu practicamente a carreira toda nos Estados Unidos e a quen se adoita considerar a primeira muller en dirixir unha película de ficción; Lois Weber (1879-1939), actriz nos seus comezos, devén en activa directora na segunda década do século e nos anos vinte realiza algunha indiscutida obra mestra como The Blot (1921); Mabel Normand (1892-1930) é un caso extraordinariamente singular, pois na década dos dez foi unha desas cómicas que, traballando para Mack Sennet e partillando cartel con Charles Chaplin ou Fatty Arbuckle, non só puido dirixir as súas propias curtametraxes (algunhas con Chaplin), senón que logrou que o seu personaxe homónimo (Mabel) aparecese nos mesmos títulos; finalmente, Ruth Ann Bladwin (1886-?) é unha directora moito máis descoñecida, cunha breve filmografía nos anos dez que conclúe con ‘49-’17 (1917), un western autorreflexivo moi adiantado ao seu tempo.
Agradecementos: Penteo Films.

Greater Love Hath No Man

Falling Leaves

Making an American Citizen

A Fool and his Money

The Ocean Waif

The Blot

'49-'17

Mabel's Strange Predicament

Mabel's Blunder

Caught in a Cabaret

Mabel Lost and Won

Two Little Rangers

Algie the Miner

The Girl in the Armchair

The High Cost of Living

The Coming of Sunbeam

Matrimony's Speed Limit
![Baby Ryazanskie [As campesiñas de Ryazan]](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/campesinas_de_ryazan-453844656-large.jpg?itok=JCNiveya)