Philippe Garrel. O cine revelado (I)
Do 1 de outubro de 2007 ao 31 de outubro de 2007
En colaboración co Festival Internacional de Cine de San Sebastián, Forum des Images (Francia) e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Philippe Garrel (París, 1948) é unha das grandes figuras independentes do cine europeo, descendente directo da Nouvelle Vague e tamén de Bresson e Eustache, de Antonioni e Godard (Alphaville é a película que decide a súa vocación), enfrascado nun cine de filiación persoal, audaz e radical, no que conviven elementos oníricos e hiperrealistas. Garrel moldea durante a súa carreira, iniciada en 1964, un cine hipnótico, espectral, máxico, revelador de mundos interiores e ocultos que conforma un paulatino traxecto cara á desesperanza. Presidido polo amor, a loucura e a poesía, a memoria e a representación, as idades da vida e as xeracións, o tempo e a utopía, a dor e o desarraigamento, Garrel vai desde o cine illacionista ata o retrato de determinados e importantes fragmentos da historia sociopolítica recente, pasando por valentes reflexións sobre as relacións de parella, as drogas e a propia actividade cinematográfica. Como recorda Thierry Jousse, elabora unha obra rupturista desde os seus inicios, chea de raccords e saltos abruptos, silencios e monólogos interiores (e exteriores), de repeticións e planos-secuencia cheos de coherencia que o levan a un ascetismo e economía de medios na posta en escena admirables.
Fillo do actor Maurice Garrel, irmán de Thierry Garrel (personalidade decisiva de La Sept) e pai do actor Louis Garrel, apoiado por xente tan variada como Henri Langlois e Andy Warhol, Garrel colaborou ao longo da súa carreira con actrices de características tan marcadas como a tamén cantante Nico —a súa parella durante anos—, Jean Seberg, Bulle Ogier, Tina Aumont, Anne Wiazemsky, Emmanuelle Riva, Mireille Perrier, Anémone e Catherine Deneuve. As súas películas, trazadas por rostros e sentimentos límite, oscilan entre a crueza airada de La cicatrice intérieure (1970), título fundamental da primeira etapa, e a nesgada emoción de filmes como Un ange passe (1975), L’enfant secret (1979), Les baisers de secours (1988), La naissance de l’amour (1993) e Le vent de la nuit (1998), ademais de Les amants réguliers (2005), recente e merecido recoñecemento. Esta iniciativa dá a coñecer así a un dos referentes do cine contemporáneo, autor dunha obra que inspira a tantos dos cineastas que escriben as liñas da modernidade, de Gus Van Sant a Olivier Assayas e José Luis Guerin. A súa obra, pendente de rematar La frontière de l´aube, permaneceu ademais totalmente inédita nas salas comerciais españolas.
O ciclo, que vén acompañado do libro Philippe Garrel. El cine revelado, en cuxa edición, xunto ao Festival Internacional de Cine de San Sebastián e IVAC-La Filmoteca de Valencia, participa o CGAI, continuará no mes de novembro.
Agradecementos: Philippe Garrel, Javier Martín.