Olladas de muller 2024
Do 5 de marzo de 2024 ao 12 de marzo de 2024
A cita anual coas olladas de muller volta, como sempre en sintonía coa frutífera colaboración co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, unha cita motivada arredor do 8 de marzo. De novo céntrase na dobre liña de actuación de anos pasados. Por un lado, a creación vencellada a Galicia, con traballos que amosan a notable e plural nómina de nomes propios femininos: Jaione Camborda, Xisela Franco, Ana Amado, Alicia López e Laura e Coral Piñeiro. Por outra banda, unha serie de destacados traballos do cine estatal e internacional recente, caso de La imagen permanente, de Laura Ferrés, Secaderos, de Rocío Mesa, ou Entre las higueras, da tunecina Erige Sahiri. E tamén a recuperación dun clásico do cine feminista norteamericano dos anos 70, Not a Pretty Picture, de Martha Coolidge. O ciclo comeza cun coloquio entre a última gañadora do Festival de San Sebastián, Jaione Camborda (O corno), e a última gañadora da Semana Internacional de Cine de Valladolid, Laura Ferrés (La imagen permanente), un coloquio que será moderado pola directora da revista Caimán Cuadernos de Cine, Jara Yáñez.
En colaboración co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega.