Olladas de muller 2024: Curtametraxes
- 90 min.
Água Mole (Laura Gonçalves, Alexandra Ramires, 2017)
Os últimos habitantes dunha vila néganse a afundirse no esquecemento. Nun mundo onde a idea de progreso parece estar por riba de todo, esta casa flota.
O Homem do Lixo (Laura Gonçalves, 2022)
Nunha calorosa tarde de agosto, a familia reunida na mesa recorda o tío Botão: a Guerra Colonial, a emigración a Francia, onde viviu e traballou trinta anos como recolledor de lixo. Os recordos de cada un crúzanse para contar a historia dun home que viviu unha vida dura a través do humor e da fantasía, como cando regresou a Belmonte, nunha furgoneta chea de lixo, convertida nun auténtico tesouro.
Amas da terra (Xisela Franco, 2024)
Amas da Terra é un proxecto social e cultural da recoñecida chef Lucía Freitas que toma forma aquí de fío audiovisual para presentar catro das súas “amas” protagonistas. Trátase da agricultora e praceira Pilar Álvarez, a mariscadora Adela Lestón, a granxeira Ana Corredoira, e a viticultora Esther Teijeiro, todas produtoras fundamentais que representan (respectivamente) a horta, o mar, o campo e a memoria-esencia, e que simbolizan os 4 piares da cociña e filosofía de Lucía. Pon o foco nelas, as facedoras, as protagonistas da cociña e do proxecto de Freitas, alicerces esenciais que sosteñen o legado dunha forma de produciren, traballaren, coidaren e protexeren a cultura e gastronomía dun territorio, Galicia. Elas, as Amas da Terra.
O lavadoiro (Ana Amado, Lois Patiño, 2023)
O espazo do lavadoiro como lugar de relación social foi, historicamente, espazo das mulleres e tivo na Galicia rural unha dupla función, unha inmediata como lugar de acceso á auga corrente onde as mulleres podían lavar a roupa da familia nun momento en que aínda non existía o abastecemento extensivo de auga e unha segunda función como espazo de relación exclusivo para mulleres e un lugar de relación entre veciñas, fóra do ámbito doméstico. Foi, por tanto, un espazo de traballo, tamén de relación social, mais sobre todo un espazo único de exclusividade femenina e por tanto un lugar de singular valor antropolóxico. Lavadoiro propón unha reflexión activa e multidisciplinar, desde a arquitectura construída e efémera, a partir dos lavadoiros públicos relacionados co traballo doméstico realizado polas mulleres. A proposta é unha reflexión sobre o significado do lugar a través do acto performativo, o simulacro, e toma como elementos narrativos a arquitectura da auga (o lavadoiro), as mulleres que foron usuarias do lavadoiro nas súas orixes, e a saba como fío condutor que conecta o tempo pasado daquelas mulleres co presente. A fin última será visualizar e por tanto, poñer en valor e dignificar o esquecido traballo vinculado ao ámbito doméstico das mulleres ao longo da súa vida.
Menstruo, trua (Alicia López, Gema Mayo López-Mora, 2023)
Unhas mulleres parrafean e bailan nunha sala de ensaios. O que comeza sendo un espazo seguro acaba converténdose nun terreo hostil. Existe unha presenza que ameaza con querer controlar cada aspecto das súas vidas. Elas comparten os seus sentimentos, mais hai algo que os eclipsa, invádelles o espazo e quítalles a voz.
Mariví na pel da memoria (Laura e Coral Piñeiro, 2022)
Unha carta a Mariví Villaverde, filla do alcalde republicano da vila onde naceu a nosa remitente. Mariví con 14 anos vese na obriga de se exiliar por culpa do golpe de estado. Teñen as súas vidas algo que ver? Son visibles as pegadas das persoas, as das historias que nos precederon nos lugares onde medramos?
-
Olladas de muller 2024
Olladas de muller 2024: Curtametraxes
Versión lingüística:VOSEFormato:HDEntrada de balde
- Ano:2023
- Países de produción: España, Portugal