NCI-20
Do 2 de maio de 2016 ao 12 de maio de 2016
O programa “Novos cinemas na antiga Iugoslavia. 20 anos despois de Dayton” nace coa vontade de observar e reflexionar sobre o intento de reconstrución dunha sociedade destruída pola guerra a finais do século XX.
A contenda que fixo extinguir a República Federal Socialista de Iugoslavia rematou oficialmente a finais de decembro de 1995 cos chamados Acordos de Dayton. Este longo, complexo e fragmentado conflito armado marcou un antes e un despois para os países que emerxeron das antigas repúblicas socialistas da rexión balcánica. O final da guerra foi a conclusión dunha estrutura política e económica que afectou a todos os seus habitantes.
No transcurso das décadas de 1995 deica 2015, cada república vive o seu propio desenvolvemento político e social. Especialmente nos comezos, non exentas de conflitos que, en certas ocasións, devolveron á rexión o desafortunado protagonismo nos medios tido durante a guerra. Coa pasaxe dos anos, unha certa normalización democrática marca o ritmo dunha nova estrutura política, con similares pros e contras a aqueles que afectan á nosa sociedade global.
Neste contexto, o programa cinematográfico “Novos cinemas na antiga Iugoslavia 1995-2015. 20 anos despois de Dayton” propón unha ollada en perspectiva sobre o territorio da ex Iugoslavia e mais o seu cine, ilustrando, reflexionando e cuestionando estes últimos vinte anos como período histórico. Estas obras pertencen a dúas xeracións de mozos cineastas aparecidos durante e despois da guerra. Espallados polos novos países nacidos logo da disolución de Iugoslavia, ofrecen diferentes puntos de vista sobre a paisaxe sociopolítica vindeira, a recente guerra xa distante, os legados do pasado e os seus reflexos nas relacións humanas desta sociedade.
Igual ao que outrora representou Iugoslavia –unha unión de pequenos fronte ás grandes potencias mundiais–, estas películas e estes cineastas representan unha unión de humildes, pequenos, sós, fronte á grande industria cinematográfica, mais unidos so a mesma bandeira: a cativadora imaxe en movemento.
Miquel Martí Freixas, Stefan Ivančić
Agradecementos: Miquel Martí Freixas, Stefan Ivančić, Filmoteca de Catalunya (Barcelona), Pyramide International (París), Zita Hosszúová/Kino Lumiere (Bratislava), Ira Cecić/Kinorama (Zagreb), Martina Kolarić/Factum (Zabreb), Vladimir Tomić (Copenhagen).