NCI-20 Esvarar cara ao futuro: No no/ Tilva Ros
VV.AA, 2008-2010
117'. Vídeo HD
NE NE / No no
(Serbia / Bosnia e Hercegovina, 2008)
Dirección: Dane Komljen. Dur.: 16'.
Nas vilas remotas das montañas montenegrinas e albanesas existía a crenza de que, se non había descendencia masculina nunha familia, unha maldición caería sobre ela e condenaríaa a desaparecer. Para romper coa maldición, a tradición ditaba que unha das nenas fose proclamada “virdžina” – é dicir, que fose criada, en segredo, como un home. Jasmina, a rapaza protagonista de Ne ne, é unha “virdžina” do século XXI, atrapada nunha sociedade que despreza a diversidade sexual. Komljen presenta un diario íntimo, interrupto, experimental, sobre a busca e a confirmación da liberdade.
TILVA ROŠ
(Serbia, 2010)
Dirección: Nikola Ležaić. Dur.: 101'.
A violencia é unha parte constituínte da xuventude de Toda e Stefan, dous adolescentes da cidade mineira de Bor, unha das cidades máis pobres e contaminadas de Serbia. Membros da xeración “YouTube”, os dous amigos filmaron na vida real unha serie de vídeos inspirados na serie americana Jackass. Este foi o punto de partida de Ležaić para realizar Tilva roš, a que é a primeira película serbia tras a guerra que comunica co que poderiamos chamar o cine contemporáneo. Marca un punto de inflexión no cine da rexión, xa que abandona o queixume dun pasado perdido e enfoca a súa ollada no horizonte: un futuro onde a autodestrución serve para se demostrar a un propio que existe, que continúa a vivir.