MARLEN KHUTSIYEV
Do 4 de novembro de 2014 ao 7 de novembro de 2014
MARLEN KHUTSIYEV
En colaboración con ImagineIndia (Madrid).
Marlen Khutsiyev é un cineasta ruso de orixe xeorxiana (Tbilisi, 1925), alumno de Mikhail Romn e fillo dun destacado militante comunista vítima das purgas de 1937. A súa primeira longametraxe, Primavera en la calle Zarechnoy (1956), codirixida por Feliks Mironer, é un dos títulos máis característicos do cine soviético do desxeo da época Kruschev e “un dos primeiros en presentar un heroe obcecado coas súas decisións morais. O seu estilo caracterizouse sempre polo rexeitamento do maniqueísmo predominante na Unión Soviética, a concibir protagonistas que non son modelos nin culpables, a manipular os elementos anódinos da historia coa despreocupación que se convertería na súa imaxe de marca” (do texto que acompaña a retrospectiva no Lisbon & Estoril Film Festival). Khutsiyev sería un dos máis conspicuos representantes dunha nova onda do cine soviético, na medida en que os seus retratos da xuventude rusa gardan moita relación co vitalismo e as arelas de romper os esquemas narrativos da Nouvelle Vague francesa, algo que se pode comprobar en dúas das súas películas dos anos sesenta, Tengo 20 años (1965) e Lluvia de julio (1966), e sobre as que se alicerzou o prestixio de Khutsiyev. Tengo 20 años sufriu os rigores da censura soviética, que interrompeu constantemente a súa rodaxe, o que non impediu que fose premiada no Festival de Venecia. Os problemas volveron reproducirse con Lluvia de julio, o que o levou a traballar a continuación na televisión (Era el mes de mayo, 1970) e a centrarse nas súas clases na escola de cine VGIK. Malia que a súa obra comprende máis películas, o ciclo que agora ofrece o CGAI péchase coa apropiadamente titulada Epílogo (1983), unha obra de cámara filmada xa en cor, cando Marlen Khutsiyev comezaba xa a ser recoñecido oficialmente.
Agradecementos: Rosebud (Madrid).

Vesna na Zarechnoy ulitse / Primavera en la calle Zarechnoy

Mne dvadtsat let / Tengo 20 años

Iyulskiy Dozhd / Lluvia de julio

Byl mesyats may / Era el mes de mayo
