María Aparicio: filmar o traballo, o traballo de filmar
Do 4 de novembro de 2025 ao 7 de novembro de 2025
A escena do cinema en Córdoba é das máis puxantes da sétima arte en Arxentina. Un dos grandes críticos en español, Roger Koza, escribe e programa desde alí, con diversas iniciativas de impacto (máis que) local. Nomes como Inés María Barrionuevo, Mariano Luque ou Rodrigo Guerrero traballan activamente nesta provincia; como tamén o fai o montador Ramiro Sonzini, comisario do recente ciclo ‘Fulgores e fracturas do cinema moderno arxentino’ na Filmoteca de Galicia. Precisamente el é un dos protagonistas de Las cosas indefinidas (2023), a última longa de María Aparicio, de quen se mostra agora a súa filmografía completa.
Aparicio, orixinaria de Córdoba, rodou a súa primeira obra na Patagonia arxentina, na pequena localidade pesqueira de Puerto Pirámides. Con Las calles (2016) xa se destacou co premio á mellor directora latinoamericana no BAFICI. A fita combina ficción e documental en torno ao proxecto didáctico dunha escola para poñer nome ás rúas da vila; un dispositivo que se revela como a escusa perfecta para realizar un retrato en profundidade do lugar, cun especial interese na actividade marítima, quedando inmortalizadas profesións relacionadas coa pesca ou as salinas, moi importantes neste enclave atlántico.
O mundo do traballo, tamén o máis urbano, é o que centra os filmes Hombre bajo la lluvia (2018) e Sobre las nubes (2022), dous proxectos moi relacionados entre si, sendo o primeiro unha curta que se inclúe cunha montaxe un pouco alternativa no segundo, unha longa. Esta segue o día a día, alternándoos en montaxe, de catro traballadores na cidade de Córdoba, de distintas idades, procedencias e contextos, atendendo tamén aos seus momentos de lecer, de pausa. A aproximación é moi delicada, austera, de certo espírito bressoniano. A cidade é unha protagonista máis, coma se o seu urbanismo trazase ou dirixise en boa medida as relacións entre as persoas.
Pódese dicir que certa concepción marxista do mundo, materialista, latexa nas propostas citadas, pero Buscar trabajo (2022) ataca a cuestión frontalmente. Parte dunha película por capítulos incluída nun relevante proxecto de recuperación de filmes arxentinos en película de nitrato, trátase dunha peza de montaxe de arquivo. Está conducida polas palabras de Juan Bialet Massé, precursor do dereito laboral que a inicios do século XX documentou as penosas condicións de traballo da clase obreira de provincias en Arxentina. As imaxes elixidas para o ensaio son coetáneas ás situacións descritas.
Quizais preguntándose sobre a pertinencia desta peza ou sobre a dificultade de usar imaxes alleas para trasladar con honestidade unha mensaxe sen apropiarse delas ou perturbalas, pode xurdir Las cosas indefinidas. A película ábrese co discurso dunha montadora e profesora aos seus alumnos precisamente sobre esta cuestión. Toda imaxe filmada será algún día arquivo, explícalles en clase, é a súa fin última; e a responsabilidade do montador é non terxiversalas, pois estaría a faltar a un respecto pola Historia que o seu código deontolóxico non debería permitirlle xamais violar.
A editora, interpretada por Eva Bianco, e o seu axudante, encarnado por Sonzini, discuten na sala de montaxe como atacar un filme sobre a cegueira. No contraplano desa pantalla que dubida e se reconfigura continuamente, Aparicio filma o cinema como espello, os rostros de dous profesionais que se definen polo que moldean; en esencia, volve filmar o traballo. É Las cosas indefinidas unha fita chea de rostros, os das persoas que fan a película dentro da película, pero tamén os dos cegos retratados, que acaban por representar mellor que calquera outra imaxe evocadora o que estes artistas do ritmo e a orde pretenden transmitir sobre a súa condición.
Ao facer unha película sobre o cinema, Aparicio volve filmar unha profesión, pero tamén se interroga sobre o propio traballo de filmar.
A súa última curta, Tres caminos (2025), mostra ao trío protagonista de Las cosas indefinidas para presentar unha sorte de correspondencia fílmica cunha persoa cinéfila de Corea do Sur que os felicita polo seu traballo. Mediante un sinxelo xogo de montaxe, realízase unha emotiva reivindicación do cinema, o que alcanza dimensión política ao estar o traballo incluído en Contracampo, un proxecto de comisariado de cinema arxentino que se rebela contra a acción do goberno de Javier Milei cara á sétima arte. O cinema, tamén, como un espazo de resistencia.
Las cosas indefinidas
Hombre bajo la lluvia
Buscar trabajo
Tres caminos
Las calles