Luis Miñarro presenta…
Do 1 de xaneiro de 2011 ao 31 de xaneiro de 2011
Procedente do ámbito cineclubista catalán –creador do Cine Club Arts en data tan temperá como 1967-, da publicidade e mesmo da escritura cinematográfica –colaborador en revistas como Dirigido por… ou Destino-, Luis Miñarro (Barcelona, 1949) é un dos fundadores en 1989 da empresa Eddie Saeta S.A. Inicialmente socio, entre outros, da directora Isabel Coixet- a primeira longametraxe da compañía sería Cosas que nunca te dije (1996) e o vínculo seguirá ata o ano 2000-, nun principio o núcleo de traballo pasa pola publicidade e, en segundo termo, os clips musicais. A partir da chegada do novo século, Miñarro canaliza a través doutra empresa a produción publicitaria, e comeza unha tarefa progresivamente titánica de apoio a autores e propostas insólitas e arriscadas tanto no ámbito nacional (Marc Recha, Albert Serra ou José Luis Guerín) como no internacional (o arxentino Lisandro Alonso, o centenario portugués Manoel de Oliveira e o tailandés Apichatpong Weerasethakul, brillante última Palma de Ouro no Festival de Cannes e ao que o CGAI xa lle dedicou un ciclo en 2006). Ao tempo que produce estes traballos –aos que vai sumando títulos e autores nunha sorte de ubicuidade xenerosa admirable- e se establece como figura independente única, Miñarro realiza de maneira autoxestionaria dous traballos documentais persoais, a homenaxe familiar Family strip (2009), sobre seus pais, e Blow Horn (2009), atípica viaxe pola espiritualidade consagrada a varios amigos seus. O CGAI, coa colaboración do propio Luis Miñarro, selecciona algúns dos traballos máis estimulantes nos que ten participado, un ciclo que será presentado na súa sesión inaugural por el mesmo.
Agradecementos: Luis Miñarro, Eddie Saeta SA.