Larry Clark (I)
Do 1 de xaneiro de 2007 ao 31 de xaneiro de 2007
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón.
Iniciamos unha retrospectiva dedicada ao cineasta e fotógrafo estadounidense Larry Clark. Nado en Tulsa (Oklahoma) en 1943, Clark é autor de libros de fotografía tan célebres como “Tulsa” e “Teenage lust”, obras que coa súa crueza e naturalismo poético inflúen decisivamente no cinema de xentes como Paul Schrader, Martin Scorsese ou Gus Van Sant. Por outro lado, é un home de pasado turbulento e radical, unha vida aventureira, azarosa e en continua procura de experiencias que aproveita na súa obra. Hippy, fundador de comunas, ex-presidiario, adicto ao alcohol e a diferentes drogas, veterano de Vietnam, non debuta no cine ata pasados os 50 anos, acadando un enorme recoñecemento coa película “Kids” (1995), retrato sen concesións da adolescencia que prolonga temática e formalmente a súa práctica fotográfica. Admirador de Cassavetes, Peckinpah, Penn ou Scorsese, dinamita o limiar do representable e entronca cunha longa tradición de escenificación da xuventude, que, segundo as súas propias palabras, fai comentario social e parte de sensacións como a ira, a dor e a vergoña. Autor de seis longametraxes e un segmento do proxecto colectivo “Impaled” (2005), o ciclo vén acompañado da publicación “Larry Clark. Menores sin reparos”, coordinado por Eulália Iglesias e editado polo CGAI xunto ao Festival Internacional de Cine de Gijón.
“Sobre a obra de Larry Clark circula un tópico que conviría cuestionar: que a súa é unha mirada directa, realista e sen prexuízos sobre a xuventude e as súas exploracións máis ousadas. Aceptando isto despéxanse as reservas que esperta a idea dun artista, axitador e partícipe das turbadoras escenas que retrata. Pero é precisamente considerando a Clark como documentalista cando a súa obra revela máis obxeccións e contradicións. Non só por actuar como parte e testemuña, ou por presentar como espontáneas escenas que dita, senón por converter o espectador en cómplice dun voyeurismo disfrazado de investigación, de documento periodístico ou sociolóxico que a todas as luces non é. Pero Clark non é un impostor. Desde o seu primeiro traballo fotográfico, porque hai que considerar a Clark un fotógrafo ante todo, as instantáneas altérnanse con fotografías claramente “escenificadas”, compostas a conciencia e ata embelecidas con filtro. Os personaxes que aparecen son pois, en parte, actores dun relato no que non se finxe pero no que ocasionalmente se obedecen ordes. Iso explica o illamento no que viven os que aparecen nos seus libros. Non son parte dun estudo, son parte dunha obra, dunha comunidade e un mundo que pertence exclusivamente ao imaxinario de Clark. Clark non presume de ser documentalista, como Lewis Carroll non o facía de ser pedagogo, Diane Arbus de antropóloga nin Weege de sociólogo. Todos reflicten aspectos da realidade, pero ante todo se serven dela para artellar fantasías propias, rutas, situacións e elencos que existían en certo modo nas súas mentes antes de atopalas no mundo real.
O traballo de Clark pódese entender como a penúltima entrega dun fenómeno, “o adolescente americano”, forxado basicamente na ficción. Para comprender a obra de Clark hai que ter presente isto. En particular, o modo en que a rebeldía, a melancolía, o sexo, a autodestrución e a violencia se adheriron á figura do adolescente nun proceso de retroalimentación no que ficción e realidade pasaron de influenciarse a confundirse mutuamente. Convén lembrar que antes da súa primeira película, “Kids” (1995), Clark xa era unha lenda. A súa carreira estaba consolidada en poucas e polémicas obras, libros fotográficos cuxo impacto foi enorme. Lento e silencioso ao principio, pero tanxible”.
Andrés Hispano, fragmento do capítulo “Teenage confidential! Larry Clark y el adolescente norteamericano”, incluído no libro “Larry Clark. Menores sin reparos”.
Agradecementos: Larry Clark, Andrés Hispano, Eulália Iglesias.