Jia Zhang-ke
Do 1 de xuño de 2006 ao 30 de xuño de 2006
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria, e IVAC-La Filmoteca.
“Até xaneiro de 2004 tivo que esperar o director chinés Jia Zhang-ke (Fenyang, 1970) para recuperar as “credenciais de cineasta” que as autoridades do seu país lle retiraran tras a realización da súa primeira longametraxe Xiao Wu (Pickpocket, 1997). Previamente o guión xa sufrira o rexeitamento da censura, pero a película fíxose, e obtivo un éxito crítico máis que notable no seu periplo por algúns dos principais festivais do mundo. [...] Pese á hostilidade da administración chinesa, Jia conseguirá financiamento estranxeiro, e especificamente, da compañía de produción do cineasta xaponés Takeshi Kitano, para continuar dirixindo películas. Deste xeito puido realizar unha obra mestra, Platform (2000), e outras dúas películas que acaso merecen o mesmo apelativo: Unknown pleasures (2002) e The World (2004).
Pero máis alá do seu papel como resistente cultural, Jia Zhang-ke é un dos cineastas que, xunto a Hou Hsiao-hsien, Wong Kar-wai, Tsai Ming-liang ou Apichatpong Weerasethakul, mellor representan esa vertente do cine asiático na que moitos atopan un recambio para a ilustre tradición do “cine de autor” europeo –o propio Jia recoñece a influencia de Bresson, Fellini e De Sica (pero, tamén, como non, de Yasujiro Ozu)-, e no que á vez é posible atopar condensados os movementos de fondo que configuran a sensibilidade da nosa época, sen deixar por iso de ser profundamente locais.
Habitualmente compárano con Hou, con quen comparte unha vocación de realismo estilizado que opta por facer uso dunha forma estática (atrapada no presente) para dar conta dos cambios, isto é, diso que vimos a chamar “presente histórico”. A súa escritura é potente e austera: aínda que Pickpocket é un vigoroso exercicio de cine povera e estilo libre, a firma de Jia farase recoñecible nas súas seguintes películas a través da toma longa, distanciada e elegante, que permite coreografar as entradas e saídas de campo dos personaxes e formar con iso cápsulas de tempo “real” –pero tamén unha densidade que tinxe o tedio cotián dunha estraña emoción-. Os planos-secuencia súmanse para tecer, non unha intriga propiamente dita, senón un gran fresco antiépico feito de momentos discretos. A narración lineal pero descontinua, audazmente elíptica, pasa por alto os feitos que median entre un momento calquera e o seguinte para facer evidente o subterráneo: os cambios, expresados en sucesivos xestos de adaptación ás circunstancias por parte dos personaxes. [...] Vistos dun en un, estes momentos son un informe de consecuencias que prescinde de mostrar as causas (posto que estas, en realidade, forman parte da “paisaxe”. De aí a melancolía que baña incluso a máis festiva das secuencias).
Unknown pleasures e Pickpocket describen un ecosistema humano afastado dos centros de poder pero profundamente afectado polas transformacións dun país oficialmente comunista e pragmaticamente capitalista. Platform ilustra precisamente o momento en que ese cambio se produce: os mozos membros do Grupo Cultural Campesiño de Fenyang (a pequena cidade natal do cineasta, na provincia de Shanxi) a finais dos 80, acaban por transformarse nun conxunto de música pop que malvive baixo a dirección dun dos seus antigos membros, convertido agora en propietario. Desposuídos pola “Historia”, con maiúsculas, os personaxes son protagonistas dunha historia, con minúsculas, cuxas claves descoñecen: aman e teñen aspiracións, pero o imperceptible movemento que os leva dunha imaxe a outra, de escenario en escenario, é incidental e non conduce a ningún lado. En The World, os empregados dun xigantesco parque temático que escenifica a tamaño (case) natural distintos lugares célebres do planeta, pasean os seus propios soños a través do simulacro que habitan. Facendo honor ao seu título, esta última película é a metáfora dun país pero tamén do mundo enteiro: non en van, a arte de Jia Zhang-ke reside nun asunto de escala. En ofrecer a parte polo todo sen deixar nunca de ser fiel ás dimensións reais da experiencia humana”.
Luis Miranda, catálogo do VII Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria con motivo da retrospectiva dedicada a Jia Zhang-ke.
Agradecementos: Luis Miranda, Celluloid-Dreams.