Jacques Demy
Do 1 de novembro de 2007 ao 30 de novembro de 2007
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Coetáneo e a un tempo periférico —como as figuras variadas de Varda (a súa parella desde 1958), Marker, Resnais ou Malle— do movemento da Nouvelle Vague, o cineasta francés Jacques Demy (1931-1990), dirixiu entre 1955 e 1960 toda unha serie de curtas, a partir de Le sabotier du Val de Loire, mentres traballaba en películas publicitarias ou en traballos de asistente, o que o vai levar, en plena efervescencia da Nova Onda, a realizar unha das pezas capitais do período, Lola (1960), coa que inicia unha traxectoria fílmica determinada pola sensibilidade, a introdución de constantes elementos poéticos e o lirismo e orixinalidade da posta en escena. O extraordinario éxito e difusión internacional de Los paraguas de Cherburgo (1963), sorprendente e fermoso traballo onde as letras das cancións substitúen aos diálogos para construír unha inesquecible historia de amor, amosa boa parte das constantes da súa curta traxectoria: a elegancia e imbricación da posta en escena e a fusión dunha miscelánea de elementos; a beleza formal da composición; a fuxida do naturalismo e as convencións asumidas; a importancia dos lugares e orixes xeográficas; a revisitación de escenarios; a itinerancia ou tránsito de personaxes ou situacións; a relación tempo-memoria-espazo ou a forte dimensión autobiográfica. Lonxe do artificio, o uso musical articúlase como un código rigoroso da narrativa establecida por Demy, consentindo a súa integración antes que a superposición ou complementariedade.
Creador dunha cartografía propia, un universo ou mapa imaxinario na procura de mundos novos polo que se integrarían Nantes, Cherbourg ou Rochefort, pero tamén a reinvención dos Estados Unidos de Model Shop (1969), Demy sagazmente fuxirá cara a universos fantásticos, desde a fábula Piel de asno (1970) ata a versión de “El flautista de Hamelín” The pied piper (1971, estreada en Francia en 1975), protagonizada polo cantante Donovan, pasando polo delirio orixinal —o home preñado— de No te puedes fiar ni de la cigüeña (1973). Lembrando ao adolescente precoz acompañado dunha cámara, Demy aínda regresará nun título cantado ao seu Nantes querido en Une chambre en ville (1982). Amante do cinema de Cocteau, Bresson, Ophuls, Minnelli, Renoir ou Welles, tal e como dixo Pascal Bonitzer, o autor constrúe unha “arte do signo”, na que o canto, ademais do sabio distanciamento brechtiano, produce unha “incandescencia dos signos, a arte de conducilos á súa máxima potencia sen consumilos”.