Homenaxes A.E.H.C. : José Luis Borau
Do 1 de xullo de 2005 ao 31 de xullo de 2005
En colaboración con: Asociación Española de Historiadores de Cine (AEHC).
Zaragozano da promoción do 29, José Luis Borau licénciase en Dereito e convértese en transitorio funcionario do Instituto Nacional da Vivenda en paralelo a unha paixón permanente polo cinema que eclosiona primeiro na actividade de crítico no “Heraldo de Aragón” e definitivamente nos seus brillantes estudos no Instituto de Investigacións i Experiencias Cinematográficas (IIEC), que o conducen a filmar un par de curtas e a debutar na longametraxe en 1963, prólogo a unha estimulante carreira constituída por 9 filmes. A súa aproximación ao cinema vaise sustentar ademais en diversas áreas: profesor de guión desde 1964 na Escola Oficial de Cine (EOC), ensaísta autor dun rigoroso estudo sobre o director Harry d´Abbadie d´Arrast, realizador de publicidade e televisión, intérprete, director da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas (1994-1998), supervisa tamén a creación do primeiro Diccionario do Cine español. Cineasta aventureiro e independente, viaxeiro incansable, cheo de determinación e xeneroso sen temor á ruína económica, triunfador nos albores da transición á democracia cun título tan emblemático como Furtivos (1975), produtor e distribuidor “a man”, Borau figura tamén coma un apaixonado protector doutros cineastas a través do seu selo produtor fundado en 1967 “El Imán”, por onde medran Chávarri, Drove, Zulueta, Gutiérrez Aragón, de Armiñán ou García de Dueñas, servindo filmes do interese de Mi querida señorita ou Camada negra. Orixinal editor e escritor, crea en 1995 “Ediciones El Imán”, publicando obras de Peter Viertel, Carranque de Ríos ou Bernardo Sánchez. O seu gusto polos modelos clásicos engarzado coas complexidades das tradicións culturais propias, a adecuación de peripecias narrativas e a análise da complexidade humana, o laconismo arquitectónico e o distanciamento deliberados, xunto á súa indiscutible capacidade tanto de reinventarse constantemente como de botarse ao monte sen atender a consecuencias ou accidentes, déixannos ante un dos cineastas máis peculiares e anómalos da nosa Historia.
José Manuel Sande
Coincidindo coa súa presenza para impartir un dos seminarios de Cero en Conducta, o CGAI organiza en colaboración coa Asociación Española de Historiadores de Cine unha homenaxe a José Luis Borau que constará dun ciclo coas súas nove longametraxes e unha das súas primeiras curtametraxes, ademais dunha táboa redonda na que participarán Ángel Luis Hueso, Ángel Quintana e José Manuel Sande, todos eles membros da AEHC, xunto a un representante desta Asociación, que conta na actualidade con preto de 250 socios, que exercerá de moderador.
Agradecementos: José Luis Borau, Filmoteca Española, Filmoteca de Zaragoza, Sherlock Films, Ángel Luis Hueso, Ángel Quintana, José Manuel Sande.

BRANDY

CRIMEN DE DOBLE FILO

HAY QUE MATAR A B

FURTIVOS

LA SABINA

Leo

LEO

RÍO ABAJO

TATA MÍA

NIÑO NADIE
