Homenaxe AEHC: Francisco Regueiro
Do 1 de xuño de 2009 ao 30 de xuño de 2009
En colaboración coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC).
Celebramos a homenaxe que a Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) lle destina a un dos seus medallistas, o cineasta Francisco Regueiro. Varias das súas películas e unha mesa redonda previa sobre a súa obra, na que intervirá el mesmo xunto ao presidente da AEHC, Julio Pérez Perucha, e os historiadores José Luís Castro de Paz e Xosé Nogueira, serven de tributo a este autor.
“Caricaturista no seu Valladolid natal, futbolista (extremo esquerdo), debuxante (no vertebral semanario “La Codorniz”), escritor (Premio Sésamo en 1961), cultivador da pintura durante as súas longas e obrigadas estancias nos seus cuarteis de inverno. Francisco Regueiro (1934) licenciouse en Dirección no IIEC-EOC en 1962 co seu xerminativo exabrupto Sor Angelina, virgen (1962) (que case lle custa non ser aprobado por unhas estupefactas autoridades académicas), breve peza que condensa algunhas características da súa cosmovisión: o desacougante marco familiar, a hostil contorna social e a represión relixiosa. Debutante no cine industrial coa máis cautelosa El buen amor (1963), sosegada crónica minimalista dunha desalentadora excursión por cuxos intersticios narrativos se coan escintileos de feroz negrura, o seu seguinte filme (Amador, 1965), distanciado pero agre retrato dun asasino de mulleres, constituíuse en involuntario modelo reducido do desenvolvemento da primeira fase da súa carreira: pertinazmente mutilado, cortado e retorcido por unha indignada Censura (e que non se resolvera a desaparecelo é índice das contradicións existentes entre aperturistas e carcereiros no seo das institucións cinematográficas da época) o filme chegou ás pantallas tan desconxuntado como certo personaxe da browniana Freaks. Escarmentado, Regueiro intentou conciliar a súa xustamente áspera mirada coas conveniencias cinematográficas da época (e do produtor Elías Querejeta), alumando, en precario equilibrio, Si volvemos a vernos (1967). Quizais persuadido de ter a súa disposición unha capacidade de manobra que lle evitara molestas componendas, Regueiro móvese cara a un corrosivo radicalismo tan intempestivo como inconveniente, tendo en conta o período de progresiva, e violenta, descomposición franquista no que se substancia: Me enveneno de azules (1969) aborda o estrafalario retrato familiar dun candidato ao parricidio; Carta de amor de un asesino (1972) postula o crime en serie como emanación natural da sociedade provinciana, atrabiliaria reflexión que encolerizou ao seu produtor (Querejeta); Duerme, duerme, mi amor (1974), vehícula unha irrisoria mirada sobre a institución matrimonial entendida como territorio brumoso, dominio do absurdo, condensador de pulsións homicidas e lugar xeométrico de insatisfaccións e desarraigamento; a insólita Las bodas de Blanca (1975) retoma desafogadamente o abaneo matrimonial. Primeiro resultado de tan corrosivas proposicións: películas sen estrear ou presentadas en pésimas datas do verán e en marxinais circuítos de reestrea, cando non aparecidas con sensible atraso. Segundo: Regueiro é desaloxado do territorio do cine español durante dez longos anos.
A construción dun estilo concordante cun firmamento así materializarase coa mirada posta nunhas conspicuas tradicións hispánicas (crueldade, picaresca, esperpento) que serán reconsideradas a través dunha heterodoxa mestura de sequidade castelá e desenvoltura surrealista. De Quevedo a Valle, de Goya a Solana, e perdón polo tópico, Regueiro executa unha volta de porca, producindo oxidadas raspaduras como residuo, sobre a canónica formulación esperpéntica: a observación e o asombro moral despénanse sobre a realidade que circunda a Regueiro: a disolvente irrisión do resultado atínxenos directa e indiscriminadamente, somerxéndonos na fantasmagoría. Así se manifesta con agresiva torsura en Padre Nuestro (1985), Diario de invierno (1988) e Madregilda (1993). Nada máis previsible que a AEHC lle concedera a Regueiro a súa Medalla de Honra no ano 2006 (na compaña doutro cineasta esquinado: J.L. Romero Marchent). E igualmente que o noso home leve outros quince anos expulsado dos dominios do cine español”.
Julio Pérez Perucha, presidente da AEHC
Agradecementos: Francisco Regueiro, Julio Pérez Perucha, Xosé Nogueira, José Luís Castro de Paz, Filmoteca Española, Cristina Bernáldez, Jet Films, Tornasol Films.
![DUERME, DUERME, MI AMOR DUERME, DUERME, MI AMOR](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_1681.jpg?itok=gOhThlwe)
DUERME, DUERME, MI AMOR
![MADREGILDA MADREGILDA](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_1682.jpg?itok=6ymy_lMk)
MADREGILDA
![AMADOR AMADOR](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_1684.jpg?itok=6GmipypS)
AMADOR
![CARTA DE AMOR DE UN ASESINO CARTA DE AMOR DE UN ASESINO](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_1685.jpg?itok=1XbTHWZ1)
CARTA DE AMOR DE UN ASESINO
![Sor Angelina, Virgen](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/sor_angelina_virgen_c-736354184-large_1.jpg?itok=OCdIaJYq)