Gabriel Azorín
Do 23 de xuño de 2026 ao 30 de xuño de 2026
Durante décadas, ten sido habitual no cinema europeo, nomeadamente o español, que os directores fosen autodidactas, ao non existir apenas educación universitaria regrada en torno á sétima arte que permitise o acceso universal ao estudo da mesma. En tempos recentes, a deriva ten mudado e cada vez son máis os realizadores que aprenden o oficio en escolas de cinema. Alén dos coñecementos adquiridos nestes centros, é igual ou máis importante a experiencia compartida con outros alumnos e o conformado natural de equipos de traballo en torno a unha idea partillada de facer cinema.
O albaceteño Gabriel Azorín encarna perfectamente esta descrición. Tendo iniciado a súa carreira na madrileña ECAM, dirixiu alí as curtas Los galgos (2012) e Mañana vendrá la bala (2015). Tras graduarse, conviviu un curso máis con alumnos da promoción a seguir, documentando o seu día a día e as metodoloxías empregadas no centro. Esta mediametraxe, Los mutantes (2016), concibida para conmemorar o 20º aniversario da escola, púxoo no mapa ao ser seleccionada a peza no festival de Sevilla. O traballo foxe de calquera perspectiva promocional para compor un fondo retrato do que supón aprender a facer cinema en grupo, preguntándose sobre a propia natureza deste tipo de ensinanza, seguramente máis esquiva que outras. Quen pode ensinar a facer cinema? É unha disciplina que se poida aprender cun manual ou seguindo unhas clases?
Paralelamente, Azorín fundou o colectivo lacasinegra xunto á tamén cineasta Elena López Riera e a outros artistas de diversas disciplinas audiovisuais, conformándose este grupo como un laboratorio de experimentación en torno a diversas expresións de imaxe e son. A relación que establece aquí co seu director de fotografía Giuseppe Truppi perdura ata hoxe e dota de consistencia visual a súa obra.
Tampouco é casual que un profesor seu da ECAM, Carlos Muguiro –primeiro director artístico do festival Punto de Vista–, estea agora á fronte da Elías Querejeta Zine Eskola en Donostia, e que Azorín fose recalar aí para o desenvolvemento da súa primeira longametraxe, Anoche conquisté Tebas (2025). Moito se ten implicado neste proceso o produtor Carlos Pardo Ros, co que Azorín ten traballado en diversas áreas en producións súas anteriores.
Alén deste mapa de nomes interconectados, importante para explicar cal é o contexto creativo do cinema español da última década; esta idea de comunidade, de colectivo con ideas e sentimentos compartidos, está no corazón de Anoche conquisté Tebas. O filme, enteiramente rodado nas termas ourensás de Bande, imaxina a un grupo de amigos que van visitalas no tempo presente e fúndeos cun continxente de soldados romanos que descansan aí entre batallas. Neste espazo liminal, os sentimentos agochados noutras circunstancias comezan a aflorar, ofrecéndose unha imaxe dos soldados delicada e tendente aos coidados entre eles, que habitualmente se asocia máis á muller.
Alén da deconstrución dos roles de xénero e desta sutil exaltación da amizade masculina sen prexuízos, destaca a fita por rodar de xeito naturalista a noite, fuxindo de contaminacións lumínicas artificiais. É por iso que a proxección desta longa está vencellada, xusto pechando a programación da filmoteca nesta tempada e dando a benvida á pausa estival, aos ciclos de conversas ‘Encontros da noite’, organizadas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Azorín estará acompañado nesta última sesión por Xosé Cobas, creador do álbum ilustrado Soño dunha sombra. Xuntos conversarán precisamente sobre como a arte pode captar a noite.
Los galgos
Mañana vendrá la bala
Los mutantes
Il rumore dell’universo
Anoche conquisté Tebas