Fóra de serie
Do 1 de xaneiro de 2010 ao 31 de xaneiro de 2010
Nova aproximación a un dos festivais máis exitosos de todos os celebrados en territorio galego, Cans. Un resumo dos premiados nesta última edición permite ver varias das curtas con máis premios do ano, así como un par de videoclips e o making-off da edición 2008. A sesión do mes consagrada a un autor galego achega a presenza e o universo fílmico corrosivo e lúcido de Xosé Manuel Bazarra “Sepi”.
Presentamos a última publicación do CGAI, Ramón Barreiro. Humor, parodia e modernidade, editada polos profesores José Luis Castro de Paz e Xaime Fandiño, coa proxección engadida de El sobrino de Don Búfalo Bill (1944). Ramón Barreiro (1906-1981), singular fotógrafo, novelista, poeta, xornalista, home de radio, cineasta e realizador de TVE, é firmante de varios, en verbas de Castro de Paz, “excéntricos, anarquizantes e informais” filmes na década dos 40 do século pasado. Xunto á película proxectada, El otro Fu-Man-Chú (1946), El pirata Bocanegra (1946-49), Póker de Ases (1947) e Pototo, Boliche y compañía (1948) conforman unha sucesión de comedias autorreflexivas, parodias metanarrativas que subvirten varios dos xéneros clásicos, exemplares únicos do humor do absurdo e do cultivo do anacronismo intelixente, vías todas extremadamente inusuais no cinema español e universal.
Agradecementos: José Luis Castro de Paz, familia Barreiro, Xaime Fandiño, Alfonso Pato, Xosé Manuel Bazarra “Sepi”, Xurxo González, Jesús Blanco.