FKM – Festival de Cinema Fantástico da Coruña
Do 8 de setembro de 2017 ao 21 de outubro de 2017
Un ano máis, durante unha semana, a nosa sala é invadida pola trepidante programación de xénero que nos brinda a 9ª edición do FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña.
Nunha edición dedicada á figura de Satán, o cine demoníaco convértese no centro da programación de Cine de Culto. Sobresae a inquietante e perversa orxía pagá de El hombre de mimbre (restaurada na montaxe do director) e a homenaxe ao director experimental underground Kenneth Anger. Poderemos gozar de tres das súas máis coñecidas e famosas obras, que proxectaremos no seu formato orixinal de 16 mm. Autor de culto, o señor Anger soubo plasmar coma poucos a idea do cine como ritual máxico, intentando coas súas películas o que magos coma Aleister Crowley ou Anton LaVey realizaban nos seus rituais. Músicos coma Jimmy Page ou Mick Jagger compuxeron a banda sonora dos seus filmes, convertendo as sesións en auténticas cerimonias iniciáticas.
O Concurso Internacional de Longametraxes, Ópera Prima, está destinado a novos autores que realicen a súa primeira longametraxe. Na sede do CGAI poderemos ver tres das cinco obras a concurso, as dúas restantes proxectaranse nos Cantones Cines. O concurso conta cun xurado internacional que outorgará un trofeo á Mellor Película e cinco galardóns: Mellor Guión, Mellores Efectos Especiais, Mellor Banda Sonora Orixinal e Mellor Cartel. A audiencia participará coas súas valoracións e outorgará o Premio do Público.
A sección Sen Límites presenta curtametraxes fóra de concurso que se proxectan antes de cada Ópera Prima.
O Concurso Internacional de Curtametraxes presentará unha coidada escolla das mellores curtametraxes de cine fantástico, de terror e de ciencia ficción producidas na actualidade, todas elas estreas en Galicia. O xurado concederá o premio á Mellor Curtametraxe e a audiencia o Premio do Público.
E por último, colaboraremos con dous grandes festivais, a Semana de Cine Fantástico e de Terror de Donostia e Curtocircuíto de Santiago de Compostela.

Women Who Kill

Housewife

Historia Cerebro/ Roda Cabeza/ Lago sabroso+ Kuso

Amanece Despejado+ Icaros: A Vision

Inauguration of the pleasure dome/ Invocation of my demon brother/ Lucifer Rising

The Wicker Man

Concurso Internacional de Curtametraxes (Programa 1)

Concurso Internacional de Curtametraxes (Programa 2)
