Inauguration of the pleasure dome/ Invocation of my demon brother/ Lucifer Rising
Kenneth Anger, 1954-1981
80'. 16mm/ Vídeo. Entrada de balde
Kenneth Anger nace en 1927. A súa iniciación no mundo do cinema chegoulle a unha idade temperá, con 8 anos interpreta ao Príncipe Encantador no Soño dunha Noite de Verán (1935). Segundo as súas palabras, todo un “rito de paso, correteando con plumas e abelorios a través do bosque encantado de Reindhardt”. Desta película tomará o personaxe Puck, un trasgo traveso, astuto e gaioleiro, que utilizará como logotipo dos seus filmes. Tan só tres anos despois comeza a realizar as súas propias películas. Xa no instituto é introducido na obra de Aleister Crowley, o mestre ocultista inglés, do que se considera discípulo. O protagonismo do mago e as súas ideas ocuparán un lugar central na súa obra, especialmente nas tres que FKM proxecta. Pero terá tamén outras influencias e intereses.
Con 17 anos, en tres días só en casa dos seus pais, roda Fireworks, que estrea en 1947. As súas imaxes explícitas de mutilación, a súa violencia explosiva e o carácter onírico e máxico impresionan a Jean Cocteau e Maya Deren.
Tres anos despois, en París, roda Rabbit’s Moon (1950), protagonizada polos personaxes clásicos da Commedia Dell’Arte e na que o cinematógrafo úsase xa como un instrumento de maxia, ao modo das vellas lanternas máxicas. En Eaux d’artifice (1953) desenvolve un “xogo do agocho nun labirinto noscturno”. O filme se concive como un desenvolvemento musical desta persecución, coas teorías de montaxe de Einsenstein como motor. Neste sentido Scorpio Rising (1963) abre novos camiños no seu cinema, achegándose ao mundo dos moteiros, a homosexualidade fetichista e anticipa o formato do videoclip.
En 1959 publica en Francia o seu controvertido libro Hollywood Babilonia, que chega infestado de escándalo a Estados Unidos en 1975.
En 1966 empezan os intentos de filmar Lucifer Rising, “a miña resposta a Scorpio Rising, que era un espello de morte sostido fronte á cultura americana”. Manifesta a súa intención de comezar a rodaxe co equinocio de primavera. “Son un artista traballando coa luz, e ese é realmente todo o meu interese. Lucifer é o Deus da Luz, non o Diaño. […] Estou a mostrar cerimonias reais no filme; o que se representa diante da cámara non pode ser unha reconstrución e o propósito debe ser facer alzarse a Lucifer […] É a festa de aniversario da Era de Acuario […] Todo o que levo dicindo desde hai tanto tempo tiña que levarme a isto. Estiven explorándome a min mesmo e agora debo comunicarme. Lucifer é o Anxo Rebelde detrás do que está a ocorrer hoxe no mundo. A súa mensaxe é que a Chave da Alegría é a Desobediencia”. Cando, en 1973, Jonas Mekas entrevista a Anger, este xa modificara o seu concepto da película, que vería a súa versión definitiva en 1980.
Como moi acertadamente sintetiza Jesús Palacios, o seu cinema caracterízase por un tratamento visual máxico, baseado non na lóxica narrativa, senón no efecto que as súas impactantes imaxes producen no espectador. A montaxe asociativa domina a estrutura, así como o emprego simbólico da cor e da música. A xuxtaposición de imaxes, sen aparente relación, o uso de símbolos arcanos, músicas hipnóticas, repetición de escenas, alteración da velocidade, todo iso, combínase para mergullar ao espectador nun transo hipnótico e provocar un estado de conciencia alterado.
A obra de Kenneth Anger influíu en directores como Ken Russel, Nicholas Roeg, Stanley Kubrick, Alejandro Jodorowsky, John Waters, Martin Scorsesse, David Lynch, Elias Merhige, Brian Butler ou Nicolas Winding Refn.
Inauguration of the Pleasure Dome
Kenneth Anger, 1954
Sinopse: Esta delirante, erótica e sofisticada mascarada esotérica nace dunha festa de disfraces organizada por unha amiga da escritora Anaïs Nin, Renata Druks, á que Anger asiste. Posteriormente recréaa convertida en “unha convocatoria de magos baixo a aparencia de figuras da mitoloxía”. Anaïs Nin aparece como Astarté, Marjorie Cameron (viúva de John W. Parsons) como a Muller Escarlata e a deusa Kali, o cineasta Curtis Harrington como o sonámbulo Cesar do Dr Caligari, que xunto á Gran Besta e o deus Pan son os principais personaxes desta película que adopta plenamente a forma dun ritual relixioso. Anger asume aquí o papel dun mago, centrando a obra na consumación da eucaristía. Asistimos pois a unha serie de cerimonias e rituais nos que as vellas deidades abren a porta a un renacemento pánico e pagán, que culmina en orxía mística e erótica, acentuada pola música da Misa Glagolítica de Janacek.
Invocation of my Demon Brother
Kenneth Anger, 1969
Sinopse: Realizada cos restos do material do que sería a primeira versión de Lucifer Rising, roubado na súa maioría por Bobby Beausoleil. O que vemos aquí é o intento de plasmar un xenuíno ritual máxico, montado de tal maneira que o propio formato cinematográfico actúe como medium para a reencarnación de Lucifer. Participan o propio Beausoleil e Anton Szandor LaVey, fundador da Igrexa de Satán. A banda sonora está composta e interpretada por Mick Jagger (que tamén aparece actuando nun dos seus concertos cos Rolling Stones) usando un sintetizador Moog. Pura maxia cinematográfica.
Lucifer Rising
Kenneth Anger, 1972
Sinopse: Maxestuoso poema sinfónico e Opus Magna de Anger, que aparece interpretando o papel do Mago. Rodada en Exipto, Inglaterra, Alemaña e Estados Unidos. Participan entre outros Jimmy Page (de Led Zeppelin, que compuxo a primeira banda sonora do filme, que foi refugada), Marianne Faithfull e Anita Pallenberg (amigas dos Rolling Stones), Donald Cammel (director de Performance, 1970), Myriam Gibril, Leslie Huggins, Sir Francis Rose e Bobby Beausoleil. Este último realizará a banda sonora definitiva desde o cárcere, condenado a cadea perpétua pola súa participación nos asasinatos da Familia Manson. Non faltaron auténticos magos negros e unha cerimonia real con círculos máxicos e un altar consagrados con sangue e seme humanos.
A película exponse cunha estrutura non lineal na que as forzas da natureza condúcennos a través de saltos no espazo e o tempo. Observamos a Isis, que presencia o renacemento de Osiris, a Lilith, rituais pagáns nun templo celta, mesturados con imaxes de magos contemporáneos adoradores de Aleister Crowley, espectacularmente ataviados con coloristas e elaborados roupaxes, que cabalgan sobre círculos máxicos.
BIBLIOGRAFÍA:
“Kenneth Anger” por Robert A. Haller. Publicado en “La Bestia en la pantalla. Aleister Crowley y el cine fantástico”. Coord. Jesús Palacios. Edita Semana de Cine Fantástico y de Terror de San Sebastián, 2010.
“Visiones Luciferinas: El cine según Kenneth Anger y Anton LaVey” por Jesús Palacios. Publicado en “El Demonio en el cine. Máscara y espectáculo”. Edición de Antonio José Navarro para Sitges, Festival Internacional de Cinema de Catalunya. Ed. Valdemar, 2007.