Esenciais: Sterling Hayden
Do 2 de abril de 2019 ao 16 de abril de 2019
Unha das personalidades máis singulares do Hollywood dos cincuenta, Sterling Hayden (1916-1986) foi mariño antes que actor, ata o punto de que o seu primeiro soldo coa Paramount empregouno en se comprar unha goleta. Mais antes diso xa navegara polos Mares do Sur e fora un heroe de guerra, na súa loita a canda os partisanos iugoslavos contra os invasores nazis no decorrer da Segunda Guerra Mundial. Afiliado ao Partido Comunista, Hayden foi unha desas figuras de Hollywood que acabaría delatando os seus compañeiros ante o Comité de Actividades Antiamericanas, algo que había lamentar e, en certo modo, purgaría durante o resto da vida. Unha serie de papeis, La jungla de asfalto (1950), Johnny Guitar (1954) ou ¿Teléfono rojo? Volamos hacia Moscú (1964) habíano converter nun actor de culto que, aínda nos anos setenta, será reclamado por algúns dos mellores directores do Novo Hollywood (Francis Ford Coppola, Robert Altman) ou mesmo europeos (Bernardo Bertolucci). Daquela xa publicara unha autobiografía (Wanderer) e unha novela, Voyage. A Novel of 1896, da ambición de Moby Dick. É a comezos dos oitenta cando o documentalista alemán Wolf-Eckart Bühler o encontra nunha barcaza navegando polos ríos e canles europeos entre Rotterdam e Marsella. Dese encontro han saír dúas películas. En primeiro lugar, Pharos of Chaos (1983), consistente nunha longa entrevista a bordo do barco onde Hayden revisa a súa traxectoria, sen disimular nin os seus remorsos nin o seu alcolismo. A segunda, a medio camiño entre a ficción e o documental, Der Havarist (1984), é unha adaptación de Wanderer, unha evocación da paixón de Hayden polo mar e un exorcismo da súa delación durante a “caza de bruxas”.
Estas dúas películas recuperounas agora Play-Doc, que lle dedica un foco a Bühler con ocasión da súa XVª edición, e que o festival de Tui trae ao CGAI-Filmoteca de Galicia, unha boa escusa para recuperar algunhas das películas máis representativas de Sterling Hayden.
___
Agradecementos: Sara García, Anxo Sánchez/Play-Doc; Wolf-Eckart Bühler; Filmoteca Española; Park Circus.
Coa colaboración de