La jungla de asfalto
The Asphalt Jungle
Sterling Hayden, Louis Calhern, Sam Jaffe, Jean Hagen, James Whitmore, John McIntire, Marc Lawrence, Marilyn Monroe, Barry Kelley, Anthony Caruso, Brad Dexter, Dorothy Tree, Jack Warden
- 112 minutos
Meticulosa planificación do atraco a unha xoiaría que marcou un fito no xénero polo seu inusitado realismo. Magnífico estudo dos personaxes e das súas motivacións, coa banda capitaneada por Sterling Hayden e unha sedutora Marilyn Monroe de secundaria.
- Ano:1950
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Ben Maddow, John Huston
- Fotografía: Harold Rosson
- Montaxe: George Boemler
- Produtora(s): Metro Goldwyn Mayer
-
Film Noir: 'La jungla de asfalto' de John Huston
Crítica do filme por Miriam Figueras (Espinof)
Extracto do filme
Versión orixinal sen subtitular.
O cine negro
Carlos F. Heredero
La jungla de asfalto narraba por vez primeira a minuciosa descrición de como se planea e se executa un “golpe perfecto”, temática que inauguraba unha nova vía ata certo punto especializada. Nesa corrente inscríbense a continuación filmes como Rififi (1954), e Topkaki (1964), de Jules Dassin, Sábado trágico (Violent Saturday, 1955), de Richard Fleischer, Odds against tomorrow (1959) de Robert Wise, Círculo rojo (Le cercle rouge, 1970), e Crónica negra (Un flic, 1972) de Jean-Pierre Melville, etc. Entre todas elas sobresae Atraco perfecto (The killing, 1956) de Stanley Kubrick, interpretada tamén por Sterling Hayden, e con certas afinidades coa película de Huston, non só en relación cos personaxes, senón tamén nun desenlace que semella pensado polo autor de El tesoro de Sierra Madre: os billetes do roubo voando sobre a pista de aterraxe e fóra do alcance dos protagonistas.
Para John Huston en cambio, a preparación do golpe non era máis que un pretexto narrativo para desenvolver outros puntos de interese: “Na miña película o atraco era secundario, o verdadeiramente importante son as motivacións dos personaxes e do atraco. Moitos encontraron o filme inmoral, porque era inevitable simpatizar cos criminais. Evidentemente cando se quere tratar con fondura un tema, uns personaxes, hai que comprendelos primeiramente, e ao comprendelos irémonos identificando un pouco con este tema, con estes personaxes. As persoas que consideran inmoral o filme teñen medo do que a película esperta neles. Séntense criminais porque comprenden o estado de ánimo e as motivacións dos criminais. Burnett ten unha aproximación moi profunda e moi exacta a este estado de ánimo. É un observador tremendamente sutil... Non é un sentimental, senón máis ben o contrario. Ama os seus heroes secretamente. Burnett é quen, non só de introducirnos no interior da forma de pensar dun gánster, senón na de calquera individuo marxinado”. (…)
La jungla de asfalto convértese así nunha virulenta alegoría moral e no testemuño máis maduro e complexo do que foi a visión social do gansterismo característica da posguerra. O sórdido realismo da narración convive coa visión romántica do fóra da lei, outsider vocacional e acosado, violento e sentimental, en permanente busca dun refuxio, ao modo dos inestables personaxes de Nicholas Ray.
Heredero, Carlos F., John Huston, Ediciones JC, 1984, pp. 141-143.