
Esenciais: Éric Rohmer
Do 5 de maio de 2021 ao 30 de xuño de 2021
Éric Rohmer (1920-2010) foi un cineasta e crítico francés de brillante e persoal traxectoria. Recuperamos oito dos seus títulos, con copias novas, restauracións co gallo do seu centenario, parte dunha filmografía chea de excelencia. Rohmer foi profesor, escritor, o máis vello dos membros da Nouvelle Vague -12 anos máis vello ca Truffaut- e perspicaz editor da publicación Cahiers du Cinema. A difusión e o seu prestixio profesional chegan por medio dos Contos morais, seis filmes inicialmente concibidos literariamente, suxestivas variacións coa novela do século XIX como eixo, que desenvolve entre 1963 e 1972. Estas narracións presentan as constantes do seu estilo: naturalista, despoxado, milimétrico, un rigor de asceta impoñente –impresiona, unha vez pasado o tempo, a cámara do gran Néstor Almendros- sinxelo e inimitable. Rohmer axuda a converter a literatura e a palabra falada en cine; constitúe así a súa concepción de cine “en prosa”, cos personaxes na procura dunha historia, un dos grandes debates estéticos lanzados desde os anos 60.
Deste período poderemos ver dous títulos ben significativos: Mi noche con Maud (1969), nominada a dous Oscars, singular amálgama de debate católico e verbalización da complexidade das relacións sexuais, e La rodilla de Clara (1970), símbolo dun cine que suma sensibilidade, capacidade emotiva, sutileza e ironía. Rohmer ha defender que o cine debe mostrar e non significar. Esta vai ser a súa primeira saga de filmes, seguida da luminosidade melancólica das sete Comedias e proverbios, emanadas do teatro do século XVIII, das que veremos en maio o vodevil amoroso Pauline en la playa (1983), premiada en Berlín, e mais El rayo verde (1986), León de Ouro en Venecia a un relato de poesía e naturalidade onde o autor renova mecanismos. A terceira serie, os Contos das catro estacións, catro filmes de amor, un por estación, presididos en simultáneo pola precisión cartográfica e o goce narrativo, forma parte da programación do mes de xuño.

Mi noche con Maud

La rodilla de Clara

Pauline en la playa

El rayo verde

Cuento de primavera

Cuento de invierno

Cuento de verano
